José Ramón Romero, presidente de Barbanza Arousa: «A boa sintonía que temos entre os catro concellos está a ser un factor diferencial»

Christopher Rodríguez
CHRISTOPHER RODRÍGUEZ RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

José Ramón Romero señala a consolidación de visitantes como unha das súas grandes apostas.
José Ramón Romero señala a consolidación de visitantes como unha das súas grandes apostas. MARCOS CREO

Afirma que a entidade busca asentar o turismo durante todas as estacións do ano

12 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Continuar coa liña ascendente. Esta é a clave que destaca o novo presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, José Ramón Romero (Boiro, 1975), para garantir a evolución do destino. Presidente da Federación de Empresarios de Barbanza durante varios anos, é coñecedor do potencial do tecido industrial e comercial do territorio, así como dos aspectos a mellorar e consolidar a oferta turística da mancomunidade.

Cales van ser as liñas mestras deste novo mandato?

Retos hai moitos, pero non hai dúbida de que un dos temas máis importantes e o Plan de Sostibilidade Turística, o que chamamos Viaxe a través da historia dos sabores, que estamos desenvolvendo grazas aos fondos Next Generation, polo que nos beneficiamos de 1,5 millóns de euros. Con isto queremos poñer en valor a enogastronomía, algo no que vimos traballando dende hai uns anos e para nós e fundamental.

Neste proxecto e no que se enmarcan as creacións museos da conserva e da salgadura. Que se busca con isto?

Queremos que a xente poida sentir o destino en primeira persoa e que vexan como é o traballo nestes sectores. No noso territorio están as maiores conserveiras de Europa e temos que explotar isto. Tamén hai que destacar os proxectos que se van a levar a cabo en no barrio dos cataláns en A Pobra e as xornadas de degustación en Rianxo.

Ademais dos sectores potentes, hai algún que se queira incentivar especialmente?

Si. Algo interesante que estamos intentado recuperar é o sector do viño. O noso territorio ten unha cultura viticultora impresionante. Houbo uns anos nos que a parte sur da ría que incrementou bastante a súa produción. Nós tamén queremos recuperar este sector. Con todas estes proxectos en conxunto forzaremos unha identidade propia do destino. Estamos promovendo a creación dun colectivo que englobe a todas as empresas relacionadas co proceso de obtención deste produto.

Unha das grandes apostas da mancomunidade tamén é o Camiño A Orixe.

Por suposto. Está subíndose moita xente a este proxecto. Este ano a maiores de potenciar máis aínda o camiño temos previsto homologar catro rutas de sendeirismo, unha por cada municipio. Estas xa existían no seu momento. Tiñámolas algo abandonadas pero agora imos a volver a actividade.

Como está a ser a coordinación entre os concellos?

A verdade é que xenial. A boa sintonía que temos entre os catro concellos está a ser un factor diferencial. É curioso, porque somos alcaldes totalmente diferentes. Nestes últimos catro anos conseguimos crear por primeira vez unha visión en conxunto do destino. Eu creo que xestionar a mancomunidade baixo estas alianzas tan fortes é algo fundamental para seguir coa boa liña de traballo que vimos realizando nos últimos tempos.

Como foi a experiencia nesta última edición de Fitur?

Un éxito. Eu levo acudindo dende o ano 2012 e sorprendeume. Recibimos cantidade de felicitación trala nosa presentación. Non solo pola calidade, senón pola mensaxe, que baixo meu punto de vista é un dos segredos disto. Notouse que calou na xente, púidose ver o atractivo do noso territorio. Nunca vin tanta xente en Fitur coma este ano. A verdade é que foi un 10.

Hai algún aspecto no que considere que deben mellorar?

O certo é que estamos vendo que seguimos un tanto coxos na oferta de aloxamentos, pero estamos mellorando. Aumentou moitísimo a oferta de vivendas turísticas, non só en Boiro, senón en todos os municipios da mancomunidade. Estamos rexistrando moitas solicitudes acerca do turismo rural e do de bungaló. Todo isto vén a raíz do pulo ao Camiño A Orixe. Este crecemento é un claro indicativo de que o destino está ganado en peso e, sobre todo, en consolidación. O importante non é só que a xente veña a Barbanza Arousa, senón que queira volver.

«Temos a mellor ría do mundo, a náutica é de vital importancia»

Un dos grandes retos que cada ano se marca Barbanza Arousa é o de recibir visitantes en todas as épocas do ano, máis aló do éxito que sempre ten o verán no territorio. Baixo o mandato de José Ramón Romero, o obxectivo vai a continuar sendo o mesmo.

Estase a conseguir que veñan visitantes fóra do verán?

Si. Xa o estamos a conseguir da man da enogastronomía. Estamos traballando moito na desestacionalización do turismo, buscamos constantemente iniciativas para non contar con visitantes solo no período estival. Pretendemos estender a temporada turística durante todo o ano. Proxectos como as visitas culturais ou todo o que ten que ver co turismo industrial están axudando moito e permitiranos incrementar os ingresos por turismo.

Nunha zona como Barbanza Arousa é imposible non falar do turismo náutico.

Está claro, temos a mellor ría do mundo, a náutica é de vital importancia. Está previsto que recibamos unha subvención pola que podamos recibir nas nosas augas un barco eléctrico. O que faremos con isto é darlle a concesión a unha empresa privada para poder explotar as rutas marítimas. Aquí en Boiro imos facer unha inversión bastante grande nos dous náuticos.

Como está a ser a relación co sector privado?

É un factor crave e estámolo tratando como tal. Estamos a realizar mesas de traballo co sector privado para escoitalos e afianzar visitantes grazas á súa labor. Ademais do bo produto que temos, se a iso lle sumamos a atención ao visitante que dan as empresas privadas teremos moito camiño andado.

Algún obxectivo a título persoal coa mancomunidade?

Pois dúas cousas. A creación do museo da conserva, que estará situado en Boiro e potenciar a explotación do mexillón algo que xa se está a conseguir. Somos uns dos grandes produtores deste molusco e debemos tratalo como se merece. Dende o sector público queremos aportar ese gran de area para mellorar neste sentido.