Elite ou gueto

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Bandera de Galicia.
Bandera de Galicia. MARCOS MÍGUEZ

O último informe sobre a proporción da mocidade galega que non fala galego é para reflexionar

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O último informe sobre a proporción da mocidade galega que non fala galego é para reflexionar. Camiñamos precipitadamente cara a un abismo lingüístico, que en dúas décadas deixará ao galego reducido á mínima expresión. Unicamente sectores nacionalistas e persoas comprometidas coa causa falarán galego. Chama a atención como avós galegofalantes se dirixen aos seus netos en castelán, talvez porque recordan que cando eran cativos falar galego era sinónimo de incultura.

Vexo un paralelismo coa arquitectura tradicional. Cando hai anos a tónica xeral era derrubar as vellas casas de pedra para construír novas e flamantes casas de ladrillo —porque a pedra e a madeira foron identificadas coa pobreza e coa emigración—, unicamente as elites culturais procedían á súa restauración. Aqueles mestres, médicos ou arquitectos eran considerados como xente rara, por non pasarse á modernidade. Pouco a pouco, e tras moitas décadas, foise cambiando a tendencia, e na actualidade quen derruba para construír novo vémolo como un tolo, un ignorante.

Serán esas persoas que sigan falándolle galego aos fillos e netos, e que falen galego con normalidade, un gueto ou converteranse en elites bilingües? Non o saberemos nós, pero hai moito que traballar para evitalo, é necesario un pacto xeral e moita concienciación.

A diferenza coa rehabilitación, podemos ter un futuro en galego, namentres as casas derrubadas perdéronse para sempre. Hai algo nas nosas neuronas que falla, porque seguimos odiando o noso, a nosa identidade. Perdemos o orgullo que outros pobos manteñen, e vexo difícil recuperalo axiña.