Non debería pasar, pero...

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

28 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasa, claro que pasa. Non debería pasar, pero ocorre que cada 25N hai que saír ás rúas para recordar que seguen morrendo mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas. Que todos os días hai novas denuncias. Que se multiplican as novas sobre agresións sexuais, e moitas delas con menores implicados. E pasa tamén que chegado o día da loita contra a violencia machista o foco volve poñerse nas mulleres, xa sexa con campañas que insinúan que non é recomendable poñer as mallas e saír a correr a según que horas, ou con iniciativas, quizais máis loables, pero pouco útiles para o que se pretende, que é erradicar a violencia de xénero.

Pasa que chegada esta época abundan talleres dirixidos a mulleres sobre cuestións do máis diverso, desde saúde e sexualidade a defensa persoal para saber defenderse en caso de sufrir unha agresión. E todo isto está moi ben, tanto, que debería facerse todo o ano e non limitalo a unha data concreta. Pero non se vai á raíz do que provoca a violencia e, outra vez, con este tipo de iniciativas estase poñendo o foco nas mulleres, cando o problema non está nelas.

Están moi ben as campañas institucionais, que serán moi ben intencionadas no seu obxectivo de concienciar sobre o problema, pero igual non son demasiado efectivas. Francamente, facerse unha foto diante dun carteliño que condena a violencia machista non crea conciencia se non vai acompañado de outras propostas. Nada sobra, pero fai falta moito máis, á vista está. Así que, menos campañas e máis recursos en educación, en políticas de igualdade e na protección ás vítimas.