Nos dous sentidos

BARBANZA

Atardecer desde el puerto de Taragoña, Rianxo.
Atardecer desde el puerto de Taragoña, Rianxo. CARMELA QUEIJEIRO

«Non hai mellor explicación que a regalada por unha muller»

24 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que era ben pequeno -por sorte non hai tanto diso- miña avoa antes de despedirse de min sempre me deixa un particular e misterioso consello: «Pórtate ben, nos dous sentidos».

A pesares de ser unha persoa con bastantes inquietudes e curiosidade, nunca optei pola alternativa fácil de preguntarlle que vén sendo iso dos dous sentidos. Pero, isto choca directamente coa súa maxia, xa que non hai mellor explicación que a regalada por unha muller. A que transmite cos seus suspiros, coa mirada, con todo que di e, sobre todo, co que deixa de expresar. Consellos máis complexos de entender para un cerebro ao uso como é o masculino. Unha mente que leva séculos solucionando problemas apoiado na barra de calquera taberna, cun pincho de callos disposto a ser devorado, e así nos vai.

Por isto creo que resolver esa dúbida quitaríalle a auténtica esencia que, dende hai anos, esa frase ten para min, a súa volatilidade. Nalgunha época os dous sentidos puideron significar o mantemento dun bo nivel en termos académicos e ser respectuoso cos que me rodeaban. Noutra, puideron ser centrarme no que realmente é valioso e rodearme de boas compañías.

Na actualidade, supoño que podería ser que a visite máis a miúdo do que me permite a axenda e, sobre todo, que siga sendo feliz cos meus a pesares de inflaciones, Putins de turno ou de que Marco Asensio xogue no Real Madrid.

Porque si, aínda que as novas que a diario asaltan estas páxinas ás veces inviten á desidia e á resignación, temos que ser capaces de ser nós mesmos os que deciden eses dous sentidos.