A promoción da saúde céntrase en alcanzar a equidade sanitaria. A súa acción diríxese a reducir as diferenzas no estado actual de saúde, asegurar a igualdade de oportunidades e proporcionar os medios que permitan a toda a poboación desenrolar ao máximo a súa saúde potencial. Esta afirmación é parte da Carta de Ottawa para a Promoción da Saúde. E afirma especificamente que isto aplícase igualmente a homes e mulleres.
Dende o 21 de novembro de 1986 e co obxectivo Saúde para todos no ano 2000, parece que aínda en moitos concellos seguimos con dificultades para asumir a importante labor que as administracións locais teñen na promoción da saúde pública. Instalacións sen vestiarios femininos e nenas e mulleres cambiándose nas gradas ou nos coches das súas familias deberían sacar as cores a responsables en política local con ausencia total de sensibilidade da importancia da creación de ambientes favorables como parte fundamental do acercamento do individuo á saúde.
A ONU, no 2011, acordou como obxectivo para o 2025 unha redución do 25 % na mortalidade por enfermidades crónicas. Para conseguilo, estableceu a estratexia 4x4: Intervir sobre os 4 factores principais de risco (alimentación non saudable, inactividade física, consumo de alcol e consumo de tabaco) das 4 enfermidades crónicas máis importantes (enfermidades cardiovasculares, diabetes, cancro e enfermidades respiratorias). É necesario para conseguilo actuar sobre determinantes sociais e entorno.
Énchesenos a boca criticando os malos hábitos na xente moza mentres permitimos que en instalacións públicas de ámbito deportivo se consuma alcol e tabaco como algo habitual. É fundamental a implicación de axentes sociais, pero tamén o é o compromiso dos gobernos municipais. É inaceptable que no momento actual existan instalacións deportivas sen unha regulamentación clara que cree ambientes favorables para todos e para todas. Teresa Castro Villaverde. Médica de atención primaria e atleta máster.