A lección

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Más de 220 profesionales que trabajan en el hospital de Barbanza y que aún no habían sido inmunizados, recibieron ayer la primera dosis de la vacuna del covid
Más de 220 profesionales que trabajan en el hospital de Barbanza y que aún no habían sido inmunizados, recibieron ayer la primera dosis de la vacuna del covid

14 jul 2022 . Actualizado a las 05:10 h.

A cousa máis triste do mundo é coller un covid durante a vaga de calor máis grande que se recorda en tempos, porque gripes e resfriados parece que piden un tempo húmido e frío, meternos na cama e repoñernos da tunda que alguén nos deu sen nós enterarnos. Estamos tan pouco acostumados a sufrirmos noites de 30 graos que un xa non ten claro se os síntomas teñen que ver co andazo vírico ou co andazo metereolóxico.

O meu covid —porque o virus que temos enriba dende hai dous anos é tan sofisticado que subministra experiencias particulares a cada doente— parécese un pouco a un destes memes de internet que empezan cun «así te ves» (e míraste no espello todo guapo e ben vestido) e segue cun «así te ven» (e venche decrépito e desleixado). Hoxe pola mañá eu pensaba que estaba razoablemente ben, pero ao atender por teléfono ou videoconferencia asuntos que non podían ser adiados, decateime de que a cousa ía en serio e que cando hai que parar, cómpre facelo. Todo sucedía lento na miña cabeza e no meu corpo.

Penso moito estes días nas vacinas, en como minimizan o impacto do virus e no importante que é a ciencia para o noso mundo: noutras épocas da historia isto aínda tería sido moito máis serio do que foi.

Se despois disto os gobernos non toman en serio que hai que coidar todo o sistema de investigación e fomentar a cultura científica entre a poboación, non sei que máis é preciso.

O coronavirus causou moito sufrimento en todas partes e púxonos fronte unha auténtica proba: agora está nas nosas mans que aprendamos, dunha vez, a clara lección que nos deu.