«Tuneando»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

07 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu primeiro coche foi un R5 de segunda man, que me regalaron aos 18 anos. Cos aforros que puiden ter como estudante fun a Andorra e cambieille os aros por uns máis deportivos de aluminio, pero tamén lle cambiei o volante por outro con tres radios, algo que só se vía nos deportivos.

Como non me convencía a cor das defensas, pinteillas eu directamente a brocha. Instaleille no frontal uns faros de brétema incrustados na grella, á que tamén lle cambiei a cor. Algo máis común era instalarlle un aparello de radio-casette de alta gama, con ecualizador engadido e altofalantes de alta calidade de son.

Seguramente houbo máis cambios no coche, que daquela non tiña que pasar a ITV. Era común naquela época que os mozos «tuneáramos» os nosos coches, podendo ver moitos R5 distintos e tamén coches doutras marcas —non había moitas máis—, e personalizalos ao noso gusto.

Hoxe, nos tempos nos que nos queren homoxeneizar, tempos nos que gustan de prohibir todo, tempos nos que pagas impostos por todo —a ITV é un deles, que noutros países non hai esta estrutura paraoficial de control—, non é posible personalizar o teu coche. Calquera modificación é un impedimento para circular, ás veces rozando a subxectividade da Administración.

Outra cousa ben distinta é como personalizaban os coches con aqueles cans que movían a cabeza, os forros de punto para o panel de control ou as fundas dos asentos, para que estiveran novos sempre. Ou aqueles marcos nos que poñían as fotos da familia, os rabos de coello que daban sorte ou os rosarios colgados do retrovisor.