Moi coñecido polo seu traballo na hostalería, faleceu aos 59 anos
23 abr 2022 . Actualizado a las 21:36 h.Os que saben das cousas que hai que saber, saben da importancia dunha amizade. E da terrible dor que se sinte cando o perralleiro destino se afana en intentar desfacela, empregando a morte como fatal ferramenta.
Neste día, un amigo meu, noso, voso, pasou. E digo voso, porque en certa medida dedicou gran parte da súa vida a sementar amizade e compañía polos catro costados da nosa vila, Ribeira. É difícil atopar alguén que non se sentira reconfortado polos seus magníficos cafés, os seus viños, ou os seus chascarrillos e aventuras. Dende Muros a Ribeira, pasando por Suíza ou Santiago, para converterse nunha referencia da hostalaría de barrio, da de verdade, a de tapa e charla, a de debate e acción.
Xa nada poderá eliminar o teu nome, Tuno, da nosa recente historia. Un legado profesional que sei que moitos che agradecerán, eu o primeiro. Non quedaches satisfeito con darme o mellor de ti, continuaches fortalecendo a nosa amizade no teu tempo de lecer, no que tamén conseguiches seguir ensinando.
Cantas técnicas depuradas che debo, e sei que che deben, agradecer na pesca do calamar? Cantas noites de euforia, colegueo, amizade, charla e, tamén, rabia, como cando esa lura se escapaba...?
Para rabia a que temos, porque neste momento horrible, es ti quen escapa; a quen ese destino intenta arrebatarnos. Non ten conta das nosas vantaxes, xa che pescamos fai moito, xa es noso, xa somos para sempre teus.
Dende onde te poidas atopar, amigo, nunca esquezas o bo que nos deixaches. Nós, de seguro, nunca o esqueceremos.
Que poucas ganas de despedirme, que tantas ganas de falarche. Que a terra che sexa leve, Tuno, compañeiro e amigo.