Postureo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

01 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa temos un museo exclusivo para o postureo nas redes sociais, está en Barcelona e por un módico prezo de 17 euros podemos facernos fotos incribles para publicar no Instagram ou no Tik Tok. Sempre existiu o concepto de aparentar o que non é certo, e xa hai anos que diante de grandes monumentos turísticos podemos meter a cabeza dentro dun burato para aparentar que somos medievais, pintores famosos ou calquera outra cousa da que gabarnos que estivemos nese lugar.

Coa chegada das redes sociais, o postureo é algo cada vez máis común, sobre todo nos mozos, algo aprendido dos medios de comunicación consistente en costumes ou actitudes de querer aparentar o que non é certo, máis que por convición, por vender a nosa imaxe, creando unha necesidade patolóxica de aprobación (chámanlle likes).

Os que xa pasamos esa época boba, vemos con estupefacción como a xente —non tan moza, en moitos casos— sobe a unha mámoa, a un arco ou a unha estrutura centenaria por unha mísera foto para obter likes, ou para mostrar aos amigos que estivo alí. Xa é moi manido o de aguantar a torre inclinada de Pisa co brazo, ou facernos pensar que saltan sobre unha pirámide exipcia. Xa non sei se é por querer facer parvos aos demais ou por inmadurez do retratado.

Gastamos esforzos e cartos en promover bancos para retratos, ou randeiras na cima do monte ou chantar prefabricados de cemento nun espazo natural. Por unha foto para as redes. Xa se ve normal publicar como desfacemos a muralla romana ou darnos un baño en augas contaminadas. Por unha simple foto para molar ante os seguidores. Cambiaremos?