As pícaras sicalípticas

BARBANZA

Bernardo Codesido

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Facendo un repaso ás discografías dos primeiros anos do século pasado, imaxínome como sería ver en vivo e en directo á Chelito, á Fornarina ou á Bella Dorita subidas a un escenario e cantar a canción La pulga, facendo que buscaba ó molesto insecto entre os pregues do vestido, con contorsións que lle permitían amosar un nocello ou un ombro para atraer a atención dun público maioritariamente masculino.

Eran as chamadas sicalípticas, e sicalipse é unha palabra inventada naqueles anos, cando o editor Ramón Sopena quixo publicar unha colección de estampas de famosos cadros de nus xunto con fotos de mulleres lixeiras de roupa e lle pediu ó redactor dos pés de imaxe que escribise algo sicalíptico. Todo parece ser un error de pronunciación, cando quixo dicir “apocalíptico”, pero trabucou a palabra e o periodista encargado da redacción dos textos apuntouna para usala nos anuncios daquela colección.

Eran os anos vinte. As tiples e cupletistas enchían os cabarés dun público que alí desafogaba a estrita moral familiar, e a palabra sicalíptica converteuse en sinónimo de picardía sexual. Tamén hai quen trata de buscarlle unha etimoloxía de orixe grego, pero iso non está tan claro.

Só hai que atender á letra de cancións como El chocolatito, e imaxinar como se movía a cantante mentres explica como hai que darlle ó muiñiño, ou ese retrouso inocente recomendando que entre e saia o muiñiño (na chocolateira, se entende).

Hoxe, a aquelas cantantes, entre as que estaba a Bella Otero, a Raquel Meller dos primeiros anos ou Mercedes Serós, cando cantaba poñendo na voz da veciñanza aquilo de «onde se mete a chica do dezasete, de onde saca para tanto como destaca», considéranse unhas precursoras do modernismo. Eran anos de pano á cabeza, cando para contraste aparecen as mulleres da xeración do 27, as chamadas Sensombreiro, lideradas por Maruja Mallo e Margarita Manso, paseando por Madrid coa cabeza descuberta, todo un escándalo, tan grande ou máis ca se deixasen ver os papos da perna; o que lles valeu, segundo contaban, algunha que outra pedrada.

Eran mulleres ousadas, nuns anos de estrita moral relixiosa, aínda que a letra e a música era cousa de homes, pero as súas cancións poñían na boca dos mozos estrofas como aquela que invitaba con sensual voz feminina e inequívocos xestos de acompañamento a que o varón mollase o seu biscoito no seu chocolate que estaba quentiño e podíase arrefriar, ou que regase o seu xardinciño que todas as noites está moi sequiño. Coas súas picardías de aparente e inocente descaro, animaron dalgún xeito a rachar coas rexas ataduras sociais; pero logo as súas cancións e os seus acenos foron censurados e a súa graza quedou recluída a salas privadas con acceso limitado e versos menos imaxinativos, ou en teatros onde aquelas cancións dos anos vinte, perviviron, con algún que outro borrón da censura, ata que as liberdades da democracia as fixeron obsoletas.

Aínda lembro preto do hotel onde me hospedaba en Madrid, a finais do século pasado, unha sala onde cada noite facía a súa actuación Olga Ramos, con cancións como La regadera ou Tápame, tápame, todo un alarde de pillarías que naqueles anos, doña Olga, xa maior, interpretaba facendo pequenas aclaracións sobre a época daquel hit parade.