27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un momento na vida no que es consciente de todos os libros que non vas ler, pero tamén de todo o que non vai ser posible aprender. Non por incapacidade para facelo, senón porque o tempo é limitado e hai que escoller.

No meu caso, as traíñas son a espiña que me quedará cravada para sempre. Desde pequeno, diante da miña casa, miraba os adestramentos do Club Remo Puebla.

Víaos sempre alí no mar, na rampla da Covecha, veña que dálle cos remos polo medio da ría. Sabía ben que a traíña era o máis escravo dos deportes: esixe esforzo diario, hipotecar as fins de semana, subordinación absoluta ao equipo, ser o elo preciso dunha máquina sincronizada.

Mirábaos vogar con calma, cargando forzas, e de súpeto arrincar posuídos pola forza e baixo os berros do temoneiro, coa traíña fendendo as augas coma un coitelo. Hai algo máis fermoso?

O Barbanza pode ter un gran futuro nas traíñas, e non só polas boas condicións naturais das rías. Hai equipos cada vez máis preparados e motivados, un recoñecemento crecente por parte da comunidade local, unha mellor organización.

Xa temos deportistas profesionais barbanceses nos clubs cantábricos. Un maior apoio por parte de todos —veciños, empresas, institucións— pode xerar un gran beneficio de imaxe para a comarca, e non só de valores turísticos, senón dos outros, dos que crean marca, e que realmente nos interesan moito máis: a imaxe do esforzo individual, o sacrificio, o traballo en equipo, a constancia.

Eu non terei tempo de vogar. Pero agardo gozoso unhas cantas bandeiras máis.