Ser conscientes

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

MARCOS CREO

20 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao meu pai sempre lle quedará un trauma de cando mirou a película Mar adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, ao ver como puñan por unha banda a unha familia rural, pechada, que era a de Ramón Sampedro, en contraposición a unha xornalista catalá, moderna e sofisticada, que leva a súa historia ao mundo. Nos planos ambientados en Cataluña aparecían pantallas planas (ano 2004) en contraposición cun ambiente supostamente rural do Barbanza desa época. Dábase así o paradoxo, difícil de crer, de que os modernos e avanzados representábanse como atrasados e os que ían por atrás como modernos. Pero colou!

Nos relatos de ficción da España dos 80 e 90, a modernidade, a sofisticación, a apertura de ideas tiña que proceder de Madrid ou Barcelona; no cine e nas series, Galicia aínda segue a ser unha especie de far west. Pero en realidade, a comarca do Barbanza ten moito que dicir na historia das mentalidades e da moral na Europa de finais do século XX. De aquí, do peirao de Ribeira, partiu o Xurelo, un barco que inaugurou unha nova ética ecoloxista; en Baroña naceu un movemento nudista que atacou a liña da moral conservadora sobre o corpo e a precoz destrución do litoral do país. E en Xuño, un home que estaba atrapado nunha cama levou a cabo unha loita titánica polos seus dereitos.

Todo iso non naceu por casualidade: existe un substrato cultural e unha experiencia do mundo que está detrás dun xeito de pensar (e de facer). Creo que aínda non somos conscientes do importante que é iso. E se cadra era un bo momento para poñelo en valor.