A min, o conselleiro de Sanidade da Xunta, paréceme unha persoa seria e responsable. Estou case seguro de que, na comparecencia pública do pasado martes, día dos Santos Inocentes, tivo que soltar algunhas frases que non se corresponden coa súa seria maneira de ser, aínda que tan só sexa pola aparencia externa e xeito ponderado de falar que ten o dito conselleiro.
Pero polo visto, este ómicron é moito ómicron, e fuxe de toda lóxica. Para empezar, os científicos tiveron que saltar unha morea de letras gregas que lle correspondían alfabeticamente para definir as múltiples variantes do covid, e non tropezar con falsas interpretacións. Así, descartouse a eme, pois o nome non parecía demasiado serio, xa que en grego dise mi, e en inglés non soa con propiedade. A letra ene tampouco foi do agrado dos encargados de deletrear unha variante, pois so faltaría que lle chamasen ni ou nu que dos dous xeitos se di en grego. E que dicir da letra que lle segue? Pois non podía ser. Ao parecer non era politicamente correcto chamarlle xi (que así se chama en grego), por aquilo de non cabrear aos amigos chineses. De xeito que non quedou outra maneira que acudir á letra o, e de aí ven este fodido ómicron. O que non sei é que pasará cando cheguemos a letra xe, que en grego dise ji, e daquela (se chegamos), seguro que a cousa non estará para bromas.
Pero volvamos á comparecencia do conselleiro no día dos Santos Inocentes. Pois, para non ter que meterse en camisas de once varas, en lugar de falar dun toque de queda, que tan criticado fora polo seu partido, optou por largar unha frase típica da neolingua orweliana: «Toque de non queda das dúas as seis da mañá». Ala! A ver que din agora os xuíces cando teñan que analizar tan lingüística orixinalidade!
Estiven vendo e escoitando toda a súa intervención e, a medida que ía debullando medidas obrigatorias mesturadas con outras tan só recomendadas, parecía consciente de que non elixira o día para unha comparecencia tan importante. E ata me pareceu que lle faltou pouco para dicir aquilo de: Que queren que lle faga eu! A culpa é do ómicron que tivo que aumentar nestas datas.
Ao mellor ata tiña razón. Bastante temos cos nosos problemas lingüísticos para nos ter que ocupar agora do alfabeto grego. De maneira que, con toque de queda ou de non queda, sentidiño e Feliz Ano Novo!