Coidar o que é de todas

Laura Veiga

BARBANZA

13 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun momento no que a ciencia e a tecnoloxía permiten crear o que antes só era posible imaxinar, hai quen se fai eco da máxima que reza que a humanidade naceu na Terra, pero que o seu destino non é morrer nela. Esta frase, que vén dos mundos literarios da ciencia ficción, comeza a materializarse a través dos programas de colonización espacial que desenvolven algúns dos millonarios máis excéntricos do planeta no que vivimos.

As constelacións xigantescas de satélites, as propostas de minaría luar ou de asteroides, ou as ideas de habitar Marte... Para moitas persoas non é un problema, posto que estes plans se sustentan cos recursos económicos que lles sobran, mais, algunha vez se pensa na mensaxe que vai calando nas crianzas?

Neste sentido, confróntanse dúas ideas de progreso: a de evasión e a de sostibilidade. Mentres uns dedican todos os seus esforzos ao desenvolvemento de políticas que aseguren o coidado do medio ambiente, outros prefiren dar por perdida esta loita demostrando que, en palabras de Salvador Bará, doutor en física da USC, «detrás da retórica da aventura e do descubrimento de novos mundos, o que se agocha en realidade é unha fuxida cara diante, motivada pola aparente incapacidade para atopar un modo de convivir coa contorna que non implique de forma necesaria a destrución irreversible dun planeta tras outro».

Casualmente, moitos destes plans de explotación doutros planetas veñen das mans de quen xa desenvolveu programas de explotación, natural e humana, na Terra. Quizais o que debemos pensar é en que queremos deixar tras de nós, en como imos coidar o que é de todas as persoas.