Taragoña non esquece

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez ON FIRE

BARBANZA

É arriscada a postura dos veciños de Caamaño que esixen o cese do párroco actual e que lles poñan un novo nun tempo no que as sotanas non abundan e os sacerdotes que hai se teñen que dividir para atender o cada vez maior número de parroquias que quedan sen cura para dar as misas.

Porén, tampouco a postura do Arcebispado de Santiago está exenta de riscos, porque hai fregueses que teñen demostrado que lle poden plantar cara á mesmísima Igrexa e a quen se lles poña diante polos desacordos coas decisións eclesiásticas. É máis, ese desafío por parte dos parroquianos pode durar décadas, e se non, que llo pregunten aos veciños de Taragoña. Habería que analizar o caso con detalles, pero teño serias dúbidas de que haxa outra parroquia que levara tan lonxe e durante tanto tempo as represalias ante o que consideraron —e moitos seguen a considerar— unha flagrante inxustiza.

Taragoña nin esquece nin perdoa, e aínda que cada vez son menos porque o culto católico activo e cotiá —ir á misa todos os domingos e festas de gardar— decae a un ritmo rápido, cincuenta anos (medio século!) despois de que a Igrexa apartara a un cura moi querido na parroquia segue habendo veciños que prefiren enterrarse sen pisar a igrexa de Taragoña a que oficie o funeral o párroco designado polo Arcebispado. A posta en funcionamento dun crematorio con capela en Té facilita as cousas no que respecta aos oficios fúnebres, pero con iso e con todo ten o seu mérito a firmeza da postura que manteñen os fregueses. A Igrexa é forte, pero a unidade dos veciños tamén.