Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Un só caso de acoso é inadmisible

Olegario Sampedro CAIXA DE CORREO

BARBANZA

29 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días irrompía nos medios o triste e aflito caso dunha moza vítima de acoso escolar. Ante estas novas un non pode máis que entristecerse. Sentir tristura, en primeiro lugar, pola amargura e o calvario sufridos pola rapaza. O abatemento aumenta ao supor que, por desgraza e agora mesmo, outros mozos e mozas estarán sendo agraviados nun acubillo do patio de recreo, aldraxados no fondo dun corredor, inxuriados no anonimato dun baño ou insultados camiño da casa. Un gravoso e inmerecido tributo que nunca e de ningunha maneira, ninguén debera ter que padecer.

É máis ca evidente que son moitos máis os episodios deste tipo que se detectan e se paralizan. Milleiros son os rapaces e rapazas que rematan o paso polas aulas sen fracturas, convertidos en xente de ben e camiño de converterse en adultos de democráticos e compactos valores. Pero un só caso de acoso non detectado é sempre unha cifra demasiado alta e unha peaxe social inadmisible.

Resulta habitual, e mesmo construtivo, que cando este tipo de sucesos transcenden á luz pública, as alarmas alumeen. Unha sociedade sensible e desenvolta non pode quedar muda diante destas situacións. Agora ben, é tamén recorrente que practicamente a única resposta social colectiva que xorde neses momentos sexa a de levantar dedos acusadores dirixidos, case en exclusiva, cara a un dos actores do elenco: os centros de ensino.