A poética do ceo

BARBANZA

Bernardo Codesido

23 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Certo que os astros sempre operaron unha especie de encanto sobre nós. Mirar o ceo unha noite estrelada é fascinante, haxa ou non lúa. Non fai falta ser entendido en astronomía para gozar da súa visión, uns de maneira máis poética e outros máis prosaica con telescopio incluído.

Os que somos de porto de mar (e non se me enfade Afonso) aprendemos desde nenos a distinguir a Polar, esa estrela que permanece inmóbil durante toda a noite e todo o ano, mentres as demais xiran ó seu redor, por iso adaptamos a consigna e consello de non perder o norte con referencia a ela, tamén considerada cun nome tan significativo como a estrela da guía.

E é que a noite, a pesar da súa escuridade, déixase invadir por esas tenues luciñas alí onde non hai outros puntos de referencia para indicarnos cara a onde imos. Estrelas e astros que nos axudan a non perder a rota, como se no ceo se estampase un mapa de referencias, tanto para mariños como para as caravanas do deserto ou simples camiñantes, xa sexan peregrinos cara a Santiago a través da Vía Láctea, os Magos de Oriente seguindo unha estrela para ver a quen o evanxelista Xoán chamará a luz do mundo ou os segadores camiño de Castela cara ó luceiro da alba, ó que tamén chamaban a estrela panadeira.

O ceo nocturno encandea e pretende copiarse con esas lámpadas que adornan as noites de festa. Astros que semellan buraquiños na negra bóveda celeste e serviron de inspiración a poetas de todos os tempos. A luz da lúa ou o tremelucir das estrelas foron metáforas repetidas ó largo da historia. Desde Safo de Lesbos ata os máis modernos poetas compararon a cor da cara, os ollos ou o pelo coa lúa, as estrelas ou os raios do sol. As mesmas ladaíñas dedicadas á Virxe con frases que antes se usaron para venerar á fermosa Venus, como o de estrela matutina son un exemplo de como os astros esgotan todos os piropos.

O firmamento, tan poético para uns e tan hermético para outros, entre a poesía e a matemática, creou ós augures que, tratando de descubrir nel as leis secretas polas que se rexe a vida de cada quen, inventaron os horóscopos, esa gran mentira que prevalece nos nosos días. Mentira, sobre todo, porque o universo estase expandindo e a posición de cada constelación xa non é a que había en tempos antigos. Quen hoxe queira dicir en que signo naceu ha de ter en conta que, astronomicamente, Pisces, a día de hoxe, abrangue desde o 15 de febreiro ó cinco de marzo ou que Leo vai do 17 de agosto ó 18 de setembro. Pero segue sendo máis poético seguir as normas que nos deixaron os babilonios varios séculos antes de Cristo para advertirnos de supostos acontecementos.

No poético ceo tamén se estampan, grazas á imaxinación os principais personaxes dos mitos de cada país, deixando que vexamos a tráxica historia do escorpión mordéndolle ó pé a Orión, o cazador ou á fermosa Calisto convertida en osa fronte ó fillo que, sen recoñecela, lle dará morte cando ela só quería abrazalo. Aí están os mitos da nosa tradición greco-latina, pero tamén os dos aztecas en México, os dos inuits en Alaska ou dos aboríxenes en Australia.