Novo chamamento dirixido á comunidade de «youtubeiros»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O prazo de presentación dos traballos concluirá o 22 de outubro

16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos -un deles o de Rianxo-, as tres universidades e a Deputación da Coruña, veñen de abrir o prazo de inscrición, botando así a andar a súa quinta edición. Os obxectivos serán, coma sempre, impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor da iniciativa.

«Dende a primeira edición deste certame, alá polo 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar», sinalou Carme Pereiro, coordinadora do proxecto. Púxolle cifras a ese incremento, explicando que á primeira edición do concurso concorreron 202 vídeos e á ultima convocatoria, 536. A idea é superar esa marca, para o que se fixo un chamamento a todos os interesados, que deben ter en conta que o prazo de inscrición rematará o 22 de outubro.

Nas bases desta quinta edición figura que os premios se dividirán nunha ducia de categorías, entre as que figuran canle, vídeo, calidade lingüística, comunicación, creatividade e premio do público. En canto ás recompensas, haberá tres premios en metálico de 1.000 euros cada un e outros nove de 500.

Para esta quinta edición, os organizadores do concurso elixiron como lema a frase Magnetismo en liña, co obxectivo de remarcar a evolución da iniciativa desde a súa posta en marcha. No marco do programa deseñado, ao longo dos vindeiros meses ofreceranse cursos formativos. Xa para a segunda metade de setembro están programados os de posicionamento na creación dixital, con Adrián Suárez, e aspectos legais do Youtube, a cargo de Bárbara Román.

O sociolingüista Fernando Ramallo, os xornalistas Adrián Lede e Esther Estévez, a profesora Noemí García e a realizadora Sonia Méndez integrarán o xurado.