Tal que se tratase dunha estratexia para curarse en saúde, na información dixital de Meteogalicia, aínda que a previsión de chuvia sexa nula, case sempre pon: ocorrencia de chuvia 5%. Prefiren dicir ocorrencia e non probabilidade, por si acaso.
O meu tan recordado amigo Manolo Fernández Betanzos, ocorrente, intelixente, boa e simpática persoa, cunha innata e curiosa habilidade para falar do revés que tanto nos facía rir, tamén tiña no seu haber unha simpática ocorrencia meteorolóxica. Velaí que un día cargado de negras nubes a piques de soltar chuvia a mares, listo o equipo do Palmeira para subir o descapotado camión de Abelleira para xogar co Asados, alguén, con certa sorna, lle preguntou: «Manolo, choverá?» E el, ollando cara o ceo coas súas gafas con vidros gordos coma cus de vaso, respondeulle: «Si se aguanta así, non creo que chova». Deseguido choveu chuzos de punta, e Manolo dixo: «Pois non aguantou...»
Na vida hai moitas outras ocorrencias. Por exemplo, venme a mente a ocorrencia da directiva da Sociedad Hijos de Palmeira (SHdeP) do pasado domingo, de convocar unha asemblea e continuar coa orde do día erre que erre, sometendo a votación unha proposta do Concello, para a cesión duns terreos. Pois aquí ven a ocorrencia: o presidente da sociedade sabía mellor que ninguén que a proposta xa fora rexeitada en xuño polos voceiros dos grupos da oposición municipal, por 12 votos contra nove. Xa que logo, na asemblea, tal proposta era papel mollado e non había nada que votar. E, para rematar a ocorrencia, aportaron un escrito de proposta do alcalde de Ribeira de data 30 de xuño, cando esa proposta, como queda dito, xa fora rexeitada anteriormente pola oposición municipal.
Foi iso tan só unha ocorrencia? É difícil de crer; pois as ocorrencias, coma a de Manolo, teñen o seu punto de graza e enxeño, e esta máis ben semella unha burla interesada. Seguro que cando rematen as incomprensibles, innecesarias e ata o de agora inéditas presas do PP, esa proposta poderá ser mellorada polo Pleno Municipal; dándolle os socios da SHdeP algunhas lóxicas vantaxes na utilización das instalacións que se pretenden no seu terreo, ao igual que se fai noutras moitas parroquias deste e doutros concellos. Ata aquí todo foron un cúmulo de ocorrencias que enfrontaron uns socios contra outros. De pena. Unha sociedade con 100 anos de historia, non debería prestarse a tales ocorrencias que semellan componendas. Pénseno ben: Dimitir non é un nome ruso.
Ai!, canto se votan en falta nestes momentos persoas coa capacidade do amigo Manolo: bo presidente da dita sociedade e de tantas outras actividades. Estou seguro que, no caso desta ocorrencia entre o goberno municipal e a SHdeP, utilizaría a súa incrible capacidade para falar do revés, e diría algo así: «Non mento o lope a texen». Ou sexa: Non tomen o pelo á xente.
Pois ao que ía e tal como comecei: Meteogalicia veña a poñer ocorrencias de chuvia do 5% nestes días de nordés. Cousas veredes.