Malas herbas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Écomún denominar malas herbas ás que non plantamos os humanos, que medran de xeito espontáneo, tanto nos xardíns privados como no espazo público. Van por libre e non respectan as normas humanas de ordenación, non obedecen os designios que os humanos preparamos para elas. Son a parte da natureza, do noso hábitat, sen humanizar.

Non as soportamos, nin no xardín nin nas rúas, porque crémonos donos da natureza e sempre intentamos moldear ao noso pensamento de como debe comportarse, civilizarse. Creamos armas para combatelas: os herbicidas, o vinagre, o glifosfato ou a Coca-Cola, para erradicar as que nos desgustan para sempre, pero revélansenos. Construímos beirarrúas de cemento no rural porque os veciños queren pasear de aldea a aldea, ou porque lles parece que soben o chanzo urbanístico do urbanizable; pero non temos tantas armas para controlar esas impertinentes herbas que rebentan o cemento -seguramente mal construído, e sen as capas antirraíces-, e que dan aspecto de desleixo, que invocan a botarlle as culpas ao alcalde por descoidar o rural.

Este século e a pandemia trouxeron novas tendencias en Francia, importadas xa en España, de deixalas medrar, creando o concepto de naturalizar as cidades, que ademais de quitarnos dores de cabeza afórranos en produtos e persoal. En Nantes conclúen que axuda contra a polución, filtran a auga arrastrada, evitan a erosión, proporcionan un hábitat para unha fauna específica e rexorden novos ecosistemas. Sirva esta proclama para que os alcaldes se defendan das críticas e para experimentar outra relación co planeta.