Xosé Vázquez Cobas: «O PP carece dun modelo de cidade»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA

BARBANZA

Xosé Vázquez Cobas, BNG
Xosé Vázquez Cobas, BNG CARMELA QUEIJEIRO

O líder do BNG destaca a oposición construtiva que desenvolve a súa formación

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, destaca a oposición construtiva do seu partido, «facendo proposicións fronte a unha dereita que está no goberno e outra que poderiamos chamar extrema e que ten unha postura de bloqueo».

-Que destacaría do traballo levado a cabo polo seu grupo?

-Presentamos máis propostas que o PP e o PBBI, que suman 16 concelleiros. O BNG está sempre a carón da xente, trasladando as súas inquedanzas tanto ao Concello como ao Parlamento galego. Entre algunhas das nosas iniciativas figuran a redución de taxas e impostos a sectores afectados pola pandemia, o plan de emprego local ou o programa de reforzo do persoal sanitario. Nós imos seguir apegados á xente e dando voz ás demandas.

-Os acordos aos que chegan co goberno non sempre son ben entendidos.

-O que ten que poñer as cousas a funcionar é o goberno. Nós non apoiamos a Ruiz, votamos a favor de actuacións que pensamos que son beneficiosas para Ribeira. Facemos propostas.

-Como valora a acción de goberno nestes dous anos?

-O PP carece dun modelo de cidade. Non ten una idea clara e anda dando bandazos. Un exemplo é a reforma do Malecón. Din que apostan pola peonalización, pero habilitan un carril central para o aparcamento de vehículos. Tampouco se ve un desexo de facer unha cidade verde, segue a abondar o cemento.

-Afirman que o Concello está paralizado. A que se refiren?

-O goberno ten unha total incapacidade na xestión do día a día. Hai obras, como o centro social de Carreira ou a estación de autobuses, que continúan sen acometerse. Do club de remo non hai absolutamente nada, e o mesmo acontece coa biblioteca, que segue sen facerse. Creo que empezaron a tomar en serio a construción do novo polígono industrial cando viron que as empresas marchaban do municipio. Hai actuacións do plan de obras provincial de varios anos atrás que continúan sen facerse. Trátase de inversións que están paralizadas e que poderían xerar emprego. E tamén hai outros asuntos como a nefasta xestión da obra do auditorio. Nós considerámolo necesario, pero dos 2,5 millóns pasou a catro e sen incluír o equipamento..