Maios e maias

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

04 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

primavera é unha época de eclosión de cor, e dende o século XIII véñense celebrando ritos de orixe pagá e adoptados pola relixión en Galicia e noutras rexións europeas nos que as flores e outros elementos da natureza son utilizados polo pobo para o rito da fecundidade dos campos. Non se poden meter no mesmo saco, pero si gardan unha estreita relación inmaterial os maios, as maias, o Lume Pan, a Pascoa Florida e ata o San Xoán. Son cerimoniais que perduran no tempo, incluso agora que o agro non é o noso eixo estrutural, pese a ter sido prohibidos por Carlos III no século XVIII.

A ramificación dos nosos ritos cos elementos naturais chega aos Caneiros de Betanzos e ás Penlas de Redondela, aínda que non o pareza, pero teñen raíz común, e acredítase no cancioneiro galego portugués dende tempos de Alfonso X o Sabio. Espertar, sementar, renovar, celebrar, propiciar e agradecer son verbos que vinculan todas estas celebracións, de xeito simbólico, coas nosas herbas e flores, coas súas propiedades máxicas e sobrenaturais, coa memoria sagrada do campo.

Esconxuros como alumear o pan, a bendición dos campos, os fumazos e os fachos, o fiúncho e a espadana, son palabras que coñecemos dende sempre, e que nos identifican. As maias teñen orixe na entronización da raíña do maio. Os maios, humanos ou figurados, son construcións efémeras de orixe prerromana para celebrar a primavera, coinciden co primeiro día de maio, e en moitos lugares locen xestas nas portas e nos coches, antes do solpor, en Galicia e Portugal.

Son, tamén, o antecedente das alfombras florais.