Unha nova voz, unha voz nova

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Andy da Fonte (Andrea San Xurxo, A Pobra, 2003) tira do prelo o seu primeiro libro, onde recolle os poemas escritos dende 2016. Unha voz que se interroga pola súa existencia, nunha liña neorromántica negra, na que morte, escuridade, suicidio, cárcere, son conceptos moi presentes: «Vexo morte, / só vexo negro mar», «Non será que estou morta xa?» Inseguridade do eu lírico na propia existencia («E non sei quen son»), o mundo exterior como inimigo («O mundo é hostil»), a estrañeza do propio corpo («gústame ver como o meu corpo se desmaterializa tamén ao contacto / coas burbullas»), desorientación («Vago insegura por dominio hostil», «Que vén outra enxurrada de fel», «adéntrome nun mundo que xa non quere acollerme»). Unha angustia vital expresada por veces demasiado explícita, cun amplo vocabulario e ata con creación de neoloxismos (fraxilérrima), que amosa un mundo inimigo («estou SOA / COMPLETAMENTE SOA», «mais esta vida / é o auténtico inferno», «nunca servín para saír do escuro»). Non faltan a autoconciencia, a nostalxia do útero materno, as reflexións sobre a a súa poética («O poema é tecer»), nin as alusións literarias (Avilés, Rábade Paredes, Eli Ríos, Octavio Paz…) Hai madeira, quizais á espera dunha maior depuración e unha expresión algo máis elusiva.

«Memorias dunha estrela sen LUZ»

Andy da Fonte

S. L. Torres (2021)

83 páxinas