Non é só ese negocio

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

18 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días asistimos a unha nova pedrea de proxectos vinculados ao novo plan eólico. Colectivos locais de todo o país, como aconteceu en vagas anteriores, estanse a levar as mans á cabeza ante proxectos que, en moitos casos, atentan de maneira directa contra os recursos de todo tipo que xa existen nos montes nos que se pretenden construír estes novos polígonos.

Non me gustan nada as visións románticas do monte. Unha das grandes leccións da arqueoloxía galega é que esas nosas terras altas, que hoxe temos tan esquecidas, foron espazos profundamente humanizados desde a nosa prehistoria. Alí se enterraban os mortos, cultivábase gran, extraíase madeira, criábanse cabanas. Non estaba para mirar para el. O bo é que no mundo actual aprendemos a valorar eses restos do pasado e integralos nas nosas sociedades, e desde o século XIX, comprendemos que a paisaxe é tamén parte da riqueza dunha sociedade. Está ben que o monte se aproveite de múltiples xeitos, con enerxía eólica tamén. Pero os negocios do monte non só dan cartos.

Non é nada intelixente que un activo económico esmague os outros, como é o caso. Galicia nestes momentos exporta moita electricidade, pero en realidade deixa moi poucos cartos no territorio en comparación cos beneficios que se obteñen. Dubido moito que sexa preciso a implantación de máis parques que destrúan un activo cultural e económico milenario como é o noso monte, a cambio de beneficiar sobre todo a multinacionais. Alguén debera explicar que intereses ten no asunto