Paisaxe dende a xanela

JOSE LIRES

BARBANZA

«Vivimos tempos extraordinarios. O inverno, obrigado polo calendario, dá paso á primavera que nos sorprende estreando unha situación inédita»

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos extraordinarios. O inverno, obrigado polo calendario, dá paso á primavera que nos sorprende estreando unha situación inédita. Unha reclusión forzosa co propósito de evitar a propagación dunha emerxente enfermidade zoonótica. A realidade abócanos a deseñar universos asépticos, lugares confinados entre muros con xanelas convertidas en miradoiros escrutadores de paisaxes alteradas de socate.

Esa xanela á que me asomo día tras día celebrando unha rutina ineludible, permíteme pintar un cadro virtual de escenas cotiás mesturando os elementos visibles con sensacións e lembranzas acubilladas en algures sen se corromper.

Estou a revisar un mundo de ritos estraños, impropios dunha vila bulideira. A xente afeita de máis á parola, desprázase agora con dilixencia, muda. Ninguén semella coñecerse. Cabeza baixa e respiración contida. Signos evidentes de alerta e de certa inquedanza humana que contrastan coa actitude confiada dos paxaros, últimos dinosauros, donos das rúas baleiradas. Eles herdarán a Terra.

Tamén fica baleiro o ar dos sons da vila. As campás da igrexa, terriblemente sometida a unha limpeza da pedra que lle borrou un par de séculos de enriba, só anuncian o paso do tempo. Esquecéronse durante semanas de chamar á misa e de laiarse pola alma dos defuntos.

As palmeiras érguense despeiteadas fronte ao campanario resistindo a súa propia pandemia na alameda. Un espazo que gozamos de nenos elevándoo á categoría de estadio olímpico. Este coliseo sublime daba cabida a torneos de fútbol, reunións de atletismo, ciclismo, e ata eventos de boxeo, loita greco-romana ou mesmo esgrima, cando a cousa se poñía un pouco quente de máis. Podo imaxinala agora convertida nun lugar ermo. Non iamos mal encamiñados outrora cando, polo entroido, a comparabamos coas dunas desertas de Dakar, etapa final do famoso rally que nós parodiabamos.

En días de marea chea o escintileo do mar agroma case imperceptible entre os caóticos volumes de vivendas, reflexo dun urbanismo desatinado, que compoñen a paisaxe urbana. Un efecto luminoso para que o pintor de paisaxes non se esqueza de plasmar o carácter mariñeiro da vila.

Sombras caprichosas

Na beira esquerda do lenzo a atención do espectador recae sobre a figura dun pazo. As pólas das árbores centenarias proxectan sombras caprichosas sobre a súa fachada secular, que se deixa aloumiñar por todo ese bosque en loita desigual contra o tedio abafante dos monocultivos de eucaliptos. As distintas tonalidades da vexetación delatan a segregación de especies.

Ao fondo as abas dos montes, salpicadas de pequenas aldeas, vanse adaptando á profundidade infinita dun ceo case sempre polícromo. Un encontro que se resolve mediante un trazo suave, só alterado polas copas das árbores e a impúdica nudez dos penedos rochosos nas chairas graníticas.

A luz albíscase ao final do túnel. Brilla ao lonxe anunciando o comezo da ansiada nova normalidade onde a promesa de encarar unha sociedade máis ética e comprometida cos problemas globais que a ameazan, durará tanto como dura a rabia trala morte do can infectado. Namentres, eu continúo a pintar con palabras a paisaxe dende a xanela teimando por matizar, na escena do cadro, o vento que afaste os nubeiros alén do horizonte.