Todos sabemos o mesmo: o verán foi unha tregua no medio dun trebón do que aínda non acadamos a ver un final posible. Porén, xa estamos nun camiño, que é o de encaixarnos na situación. Estamos a desenvolver unha enorme capacidade de adaptación, porque así sucede sempre na historia humana. E non falo de inmunidade de grupo, senón na comunicación interpersoal.
Mentres escribo isto, o ser humano xa está a desenvolver novos comportamentos para mellorar a comunicación furtada. Xa non nos sorprende a rúa chea de máscaras. Afinamos a escoita, agora tan confusa, desas voces atenuadas pola tela da máscara, aprendendo a reinterpretar os sons; transformamos inconscientemente a nosa entoación para cargala de máis información e aclarar a súa descodificación; fixándonos máis nos ollos e na linguaxe corporal integral, estamos volvendo a aprender como lle caemos ao outro.
Tentaremos transmitir máis coas cellas, coas pálpebras, coas mans, ou coa inclinación de cabeza. Medrarán as vendas de rimel, os homes descubrirán horrorizados eses pelos bravos que saen das cellas como as antenas das cigalas. E todo iso sen decatarnos.
E veremos a erótica do desenmascaramento. Quitar a máscara diante dun descoñecido terá algo de ansioso, de tímido e de provocador, tamén de curiosidade, de ritual de confianza.
Saberemos que hai xente á que lle queda mellor a máscara e non nos parecerá mal, e viceversa. E xogaremos con iso. Será mesmo divertido. Oxalá todo isto remate, pero entrementres, o mundo non se para.