Versos para aquecer o espírito

PAZ FERNÁNDEZ VÁZQUEZ A VOZ DE BARBANTIA

BARBANZA

CEDIDA

Paz Fernández é a autora destas liñas

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mirábao como só saben mirar as nais, e abrazábao como para estar segura de que aquel neniño estaba feito de carne e non dos seus soños. Faláballe baixiño coma se lle contase un gran segredo e el, con aqueles ollos de asombro que se pousaban inquedos ante cada descuberta, parecía entendela.

-Sara, volvo en cinco minutos. Compro o pan e encargo unha empanada para mañá -díxolle a súa amiga Lucía.

-Volve cando queiras -respondeulle Sara, sen apenas escoitala.

Seguiu acariñando a pel de veludo do neno e bicando de cando en vez as súas fazulas mentres lle falaba. «Es lindo como un zarrotiño de outono! E sabes? Cando sexas grande, has falar galego e serás poeta». Entón, comezou a recitarlle versos de Rosalía. Fóra erguérase algo de vento e chovía unha música que acompañaba as palabras de Sara até que se escoitou un golpe seco. Era a porta que o aire pechara con forza ao paso de Lucía, que volvía co pan.

-Xa estou aquí! Dáme o neno, Sara. Teño que ir facer o xantar. Fóra comeza a facer frío e non quero que enferme. Moitas grazas, querida.

-Tráemo cando queiras, xa sabes.

Cando Lucía pechou a porta da entrada, Sara sentiu que a chuvia golpeaba o seu ventre baleiro. Pasaba dos cincuenta e nunca, nunca sería nai. Prendeu a calefacción, achegouse a un andel onde escolleu un libro, e seguiu memorizando versos para aquecer o seu espírito.