Máscaras

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

11 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As máscaras téñenme moi confundido, supoño que como a todo o mundo. Xa non é a sensación de que estamos nunha especie de entroido permanente, que tamén, senón o feito de que non son capaz de interpretar a cara das persoas: se están contentas, agobiadas ou se o que eu lles digo lles parece convinte ou non. Din que os ollos son a parte máis expresiva da cara: comezo a ter claro que non. Están ao nivel de expresividade das fazulas, as meixelas, ou os beizos.

Andar con máscara provoca unha certa sensación de impunidade voyeur, similar á festa de Eyes wide shut. Observas que a xente se te queda mirando fixamente e durante máis tempo, estou convencido, de que se non a tiveran posta.

Creo que confundimos a sensación de impunidade ou discreción das máscaras coa das gafas de sol. Eu aprendín algo da vida cando os meus compañeiros de piso universitario me ensinaron a baixar as gafas de sol ás terrazas para ver (e comentar) sen medo a alegría da primavera nas rúas. Pois hai xente que pensa o mesmo, que as máscaras te fan invisible.

E logo hai que ver o ben ou o mal que pode sentar a máscara. Hai xente que a máscara ata lle queda ben e a fai máis guapa do que é; tamén acontece ao revés. Pero creo que son as mesmas persoas ás que todo lle senta ben, ata unha noite sen durmir.

De seguirmos con esta situación, imos vivir a reinvención do ollo, moi esquecido pola beleza e a sedución nos últimos anos. Alegraríame por unha cousa. Por recuperar o vello costume de chiscalos para compartir un segredo.