«Portuspaña»

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben seguro que leron nos medios ou nas redes unha proposta consistente en xuntar Portugal con España e facer un único Estado, unha iniciativa que tería o apoio dunha maioría de españois, segundo publicaron. Coma calquera enquisa, pode ter moito de cociña, pero é interesada porque non lle preguntaron ao pobo portugués. A resposta sería demoledora.

Hai un dito ancestral portugués que di «de España, nin bos ventos nin bos casamentos», e que cada vez se repite máis no país veciño. Catedráticos e demais ilustres madrileños falan do país veciño como o irmán atrasado, ignorantes da verdadeira realidade: nos últimos 40 anos adiantáronnos en case tódolos eidos, como o urbanismo, o patrimonio ou o medio ambiente, pero sobre todo melloraron en civismo, empatía, orgullo e na planificación do futuro.

Graves erros do noso sistema están abocándonos a hábitos que non constrúen país, senón que provocan crispación e libertinaxe, perda de autoridade e outros valores. No canto de aprender do estruturado sistema portugués, fuximos cara adiante sen corrixir os erros. Dous pobos que noutrora tiveron unha orixe única, a Gallaecia, diverxen e afástanse polas políticas impostas lonxe da nosa terra. Cada crise deixa ao descuberto os nosos erros, namentres os miramos a eles con envexa.

A Revolución dos Caraveis, a airosa saída da crise do 2008, a planificación contra o coronavirus, os plans contra o baleirado do rural e o apoio ao agro ou o respecto polo patrimonio cultural son algúns exemplos que os distancian do noso estancamento.

Menos mal que nos queda Portugal, cando nolo abran.