AUnión Europea emprende unha batalla para mellorar as cidades e vilas coa súa renaturalización, para adaptar os costumes humanos ás necesidades do planeta, revertendo na mellora da calidade de vida dos humanos urbanos. É o cambio de paradigma que se debate en todos os foros internacionais sobre o futuro das cidades.
Catorce millóns de euros son investidos neste momento en tres cidades: Liverpool, Esmirna e Valladolid, nun proceso piloto de investigación sobre as mellores solucións para mitigar a contaminación, para evitar as catástrofes climáticas e para incrementar a esperanza de vida. Trátase, fundamentalmente, de dar un paso atrás na paranoia que creamos no pasado século, na que aínda hoxe están sumidos o 95 % dos alcaldes: asfalto, cemento, pedra, espazos duros, tráfico intenso.
Sabemos que en Valladolid xa procederon a levantar quilómetros de asfalto para colocar terra vexetal e árbores, suprimindo unha inxente cantidade de vías para automóbiles, utilizadas para pasear e para respirar. Coñecemos as novas solucións implantadas en Valladolid, baseadas na natureza, como revestir fachadas e marquesiñas con elementos vexetais ou crear lagoas no centro da cidade. Todo para afrontar o cambio climático e mellorar o ciclo da auga, ese que deseñaron os galegos hai centos de anos.
Un segundo paso será abordar o rural, que en Galicia está sufrindo un dos seus peores pesadelos, porque o soño da maior parte dos alcaldes é asfaltar e cementar as aldeas, e que a medio prazo terán que picar. Tócalle aos nosos alcaldes cambiar o paradigma, tamén concienciar ao pobo.