Aurora Marco recoñece nun caderno a valentía de dez barbancesas

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

marcos creo

Trátase de veciñas que arriscaron a vida por axudar aos fuxidos

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Militantes da solidariedade. Este foi o título que escolleu Aurora Marco para un caderno no que recolle a historia de dez valentes barbancesas, mulleres que arriscaron a súa liberdade e incluso as súas vidas por axudar a aqueles que estaban fuxidos por teren amosado o seu compromiso coa República, cos sindicatos ou sinxelamente por seren ideoloxicamente de esquerdas. A publicación forma parte dos Episodios republicanos, unha serie lanzada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza.

Unha das mulleres ás que fai referencia Aurora Marco é Antonia de la Torre Martínez, mestra en Fruíme que chegou a aloxar na súa casa a un mineiro que estaba fuxido. Tamén lle prestaba auxilio, levándolle sobre todo roupa e comida, a aquelas persoas que se agochaban no monte Castelo. Para esta misión contou coa axuda de Branca Rodríguez Vicente.

Entre as militantes da solidariedade atópanse Manuela Creo Miguéns, veciña de Bealo que acudía con frecuencia ao monte Castelo, onde estaba fuxido o seu home; e Teresa Martínez Nimo, de Maxide (Lousame), que chegou a agochar na súa casa a 16 persoas, entre as que estaban os boirenses Benito Segade e Felipe Somoza Rebollido.

Por terra e por mar

De Noia, Aurora Marco destaca o labor de dúas veciñas. Unha, Josefa Sueiro Pena, que conseguiu levar ao seu home, que estaba fuxido, e ao que fora tenente de alcalde Francisco Martínez Agra para a vivenda da súa nai na Picota. Outra, Emerenciana Patiño Hermida, que xunto con Manuel Figueroa conseguiu que 23 escapados subiran a unha barca na Coruña e chegaran ao peirao de Brest, en Francia.

A historiadora pecha o caderniño con catro rianxeiras que axudaron aos presos do campo de concentración que existía na vila, lavándolle a roupa e levándolle comida. Trátase de Belarmina Ordóñez, Carmen Sende Suárez, Josefa Frieiro Gómez e Dolores Rodríguez Sende.