Coño Jonsalo!, que fas ti por aquí? Xa fai tempo que non te viamos. Pois non hai moito que andei pola zona do Ordenario, pola ponte de Pazos, mesmo camiñei por debaixo da Feosa, pola beira do río ata chegar á estrada que leva á capela de Santo Salvador. Despois camiñei ata a ponte do Gamo e logo collín a pista que vai a Loxo de Abaixo e dende alí regresei ao Ordenario. Non coincidimos. Si, non coincidimos. Hoxe veño ver como está o río despois do tremendo temporal de vento e choiva do xoves pasado. Hoxe o río está ben. Nada que ver con ese día terrible, cando desbordou antes e despois de pasar baixo a ponte de Teaño. Fixo moito mal. A min e a outros veciños levounos as testas das leiras. A auga rubiu por enriba dos arredores e arrastrou a terra. Facía moito tempo que non vía unha cousa parecida. Tampouco eu, Xoán, tampouco eu.
Xoán anda cun tractor pequeno na compaña dun matrimonio da aldea limpando os restos que a auga deixou ciscados na entrada dunhas viñas. O Xoán está viúvo, a súa Tareixa deixouno hai un par de anos. Cóntolle que ando mirando as pegadas da tremenda correntada. Dime: vai até a ponte, verás o que traballou polo camiño da beira. Alí tamén nos escagallou as leiras. Foi moito. Houbo dúas enchentes do río. A primeira aconteceu a media mañá. Caeu moita auga de Deus, mais foi máis aló, pola faldra da montaña, que aquí no val. Pero coido que a máis forte foi a das tres e media da tarde. Aí si que lle pegou duro, tanto que nos asustou. Case me mata a gata. Colleuna fóra. Cando a atopei estaba tan enchoupada que non foi quen de brincar ata enriba do portal do cuberto. Tremía. Tiven que secala cunha toalla e despois darlle calor co secador do pelo até que se recuperou.
Tamén na vila foi tremendo, dígolle. A choiva era tan espesa e grosa que formou unha cortina gris que non deixaba ver as árbores do parque. Dende a ventá do piso non se podía ver nada, só se escoitaba o estrondo do vento contra os edificios e as árbores. Non pasaba nin un coche pola estrada, por onde corría a auga coma se fose un río desbocado. Ninguén andaba pola rúa. Tamén aquí foi algo semellante, insistiu o Xoán. Penso que debeu ser como algún resto dun tornado. Dígoo porque, das moitas árbores que derrubou, algunhas non estaban arrincadas ou tombadas, senón retorcidas, coma se fose un tirarrollas. Na vila a temible tormenta acabou coa sacudida dun trono tan potente que semellaba a bomba de palenque das festas do verán. De súpeto, logo do estrondo, calmou o vento e parou a choiva. Escoitastes aquí o tronazo? Aquí levamos un sobresalto de moito carallo, di Xoán.
Despois, cando parou a choiva, collín o coche e fun ata Xarmea. Alí o río baixaba enfurecido. Pasaba por enriba de todo canto atopaba na súa violenta carreira. A auga baixaba por enriba de todos os prados, buscaba un rego onde meterse, ao final acababa todo no leito do regato que descende desde Bermo. Tamén corría sobre as fincas de por aquí. Os cans destes veciños, que se chaman Turco e Pempinela, cando pegou o lostregazo do trono agocháronse debaixo das camas e non saíron até que parou de chover e de ventar. O Xoán segue falando. Aló enriba, nas aldeas da montaña, segundo me contou meu tío Henrique, o irmán da miña nai, os animais corrían como entolecidos buscando sitios onde acubillarse. Tamén me dixo que ao día seguinte algúns cabalos tiñan as crinas tesas e os ollos escatalados. Sen embargo, nese mesmo día, as ovellas e as cabras, logo de pasar o temporal apertadas unhas contra as outras nos alpendres, pastaban calmosamente nas vagoadas da serra, onde a herba brillaba baixo os raios do sol de inverno. Estaban tranquilas porque sabían que o lobo aínda estaría tremendo de frío no seu húmido tobo. Moi ben Xoán. Vou mirar como baixa o caudal, dígolle. Ata outro día. Volve cando queiras, responde Xoán.