Posverdade


A ficción é unha calidade humana. Para ben ou para mal, grazas a falsos relatos -mitos, relixións e ideoloxías de toda caste- cooperamos a grande escala e, xa que logo, prosperamos e colonizamos o planeta. Un dos termos de moda é, ademais de neoloxismo, un territorio ambiguo no que, apelando ás emocións, se menoscaba de forma deliberada a obxectividade. Non é o mesmo navegar entre dúas augas, bordeando o que é certo e o que non, que unha mentira apoiada por un aparato mediático e propagandístico. Velaí a posverdade.

A contenda non a gañaron os aliados, gañouna o fascismo. Pasaron! Cativo e desarmado o exército roxo, e acadados os últimos obxectivos militares, o primeiro de abril do 39, o Xeneralísimo -alias Paca la Culona- asinou rotundo: «La guerra ha terminado». Logo, e durante catro décadas, instaurouse a ditadura. Morto o can non acabou a rabia. Os seguintes corenta anos, a canalla agochouse tras a feble máscara da transición e a democracia. Hogano, xa sen disimulo, engorda as súas filas con cachorros ben mantidos. E o seu descaro faime barallar palabras que coidabamos enterradas...

Folleo a Hannah Arendt con desgana; As orixes do totalitarismo tan só un libro amarelecido nun recuncho dun andel. Paul Celan ou Niemöller en nada axudan: os versos de Fuga de morte non amortecen o desacougo. Poder e ficción camiñan da man. Quen busca o poder, fai uso da ficción. As patrias son novelas de estrutura complexa; pero ficcións.

Chegados ata aquí, non sei se crer na teoría da alteración meteorolóxica, a do winter is coming. Mais as crenzas son sempre moi persoais. Eu, alén das patrias, acredito no asteroide B612 do Principiño de Saint-Exupéry, na maldade infinda dos pérfidos asasinos da familia do capitán Nemo e na fada azul, capaz de dar vida a un moneco de madeira... Daquela non concibo máis defensa que a acción da palabra, a máis poderosa de todas as armas. Cuestionar e cuestionarse. Expresar a propia opinión, unha actividade ás veces próxima a un deporte de risco. Dicir as cousas, repetilas, berralas pese a quen pese:

Volven. Quen? Eles, os que asañan vidas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Posverdade