Feo, baixo e gafudo

Olegario Sampedro CAIXA DE CORREO

BARBANZA

Os espartanos tiñan o costume de arroxar dende o cume do monte Taigeto as persoas nadas con algunha discapacidade coa saudable finalidade de evitar que a súa fermosa e próspera civilización fora deslucida pola presenza de individuos con diversidade.

Hai algo máis de tres décadas, nos centros de educación pública de Galicia comezáronse a aplicar os primeiros plans experimentais de integración dos rapaces e rapazas que, ata aquel momento, eran excluídos dos contextos educativos ordinarios. Lembro que un dos principais obxectivos daqueles deseños era acadar a tolerancia presencial deste novo alumnado. A cidadanía, sobre todo a adulta, non estaba aínda afeita a atoparse coa rapazada afectada con síndrome de Down, autismo ou parálise cerebral sen incorrer nun inicial rexeitamento ou evidente incomodidade.

Por fortuna, o tempo e a constancia, lograron mudar aqueles anquilosados esquemas e hoxe en día o que era excepción converteuse en algo cotián e eticamente lexítimo. Sen embargo, de súpeto, xorde Greta Thumberg. Con estupor e tristeza contemplo o ignominioso espectáculo da execución pública que dende moitas e sisudas tribunas, se fai sobre esta moza. Obviamente podemos concordar ou non coas súas ideas e mesmo rebater a súas teses, pero reprobala ou desmerecela especificamente polo seu aspecto físico, pola súa vestimenta ou por padecer síndrome de Asperger, aflíxeme como persoa, abáteme como profesional e desacóugame como cidadán.

Visto o visto, pode que sexa o momento de retroceder séculos, volver a trepar aos acantilados do Taigeto e arroxar dende alí a todos os maricóns, aos coxos, aos mongólicos, aos sudacas, aos negros, aos xitanos, aos cegos, aos travelos, aos gordos, ás marimachos…

Publicamente declaro a miña máis firme e lúcida determinación de que voluntariamente quero ser incluído no lote dos imperfectos. Non desexo, en absoluto, formar parte dunha flamante e segregacionista elite de auto-elixidos. Aínda que eu tampouco o merezo: son feo, baixo e gafudoOlegario Sampedro. Ribeira