O ensino transversal vístese de melodía nas aulas do Jaime Balmes

a. PARADA RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O docente en prácticas Manuel Sobral ideou un proxecto innovador que culminou coa gravación dunha canción en estudo

12 dic 2019 . Actualizado a las 16:05 h.

Para apagalos murmurios deses tópicos que afirman que a educación está estancada no pasado e nos vellos usos do ditado e o encerado, non hai nada mellor que unha canción. Mais non unha calquera. Fai falla unha melodía que acompañe aos novos tempos e acenda a ilusión por aprender nos pequenos. No centro educativo noiés Jaime Balmes entoan a filosofía do ensino transversal, cuxa partitura pertence a Manuel Sobral (Taragoña, Rianxo, 1998).

En só un trimestre, este docente en prácticas levou a cabo un proxecto innovador baixo o nome de A vaca marela, co que se gañou aos 17 alumnos da clase de 5º B e que desembocou nada menos que na gravación dun videoclip do mesmo nome en estudo profesional -o de Sonaxe, na Escola de Música de Boiro-, por parte dos pequenos. «A vaca marela é unha canción, pero tamén é un método», introduciu o rianxeiro para sinalar que, lonxe do resultado final, o obxectivo pedagóxico que buscaba era o da «promoción da lingua galega, pero dun xeito no que os nenos non a visen como unha materia, senón como algo interesante». 

Carácter multidisciplinar

A clave de A vaca marela é que non se correspondeu cun traballo condenado ás horas de galego, senón que tivo carácter multidisciplinar e rompeu as fronteiras do currículo para ter cabida en áreas como a de Matemáticas, pola que o alumnado aprendeu a medir compases e encaixar a métrica dos versos no tempo como se dun exercicio de cálculo se tratase. Tamén chegou a Plástica, para que os rapaces trasladasen o que reza cada estrofa ao lenzo en branco, dando renda solta á súa creatividade.

En Ciencias Naturais, a canción, que forma parte do traballo discográfico e pedagóxico Tempo de xogo, serviu para coñecer as diferentes variedades de vacas, como a rubia ou a frisona. E, por suposto, en Música non houbo frauta doce, pero os raparigos aprenderon os leitmotivs do reggae ou da rumba, que se recollen no propio tema.

Fuxo da clase maxistral, do que chamo método dinosauro. Hai que baixar á terra, mollándose e traballando podes acabar co prexuízo de que o cole é aburrido ou algo malo»

O éxito foi tal que a clase incluso sorprendeu aos profesionais do estudo, xa que todo estaba tan medido e preparado que nunha hora e media cada rapaz xa desfilara diante do micrófono, deixando a súa parte lista. Todos tiveron a mesma responsabilidade, para favorecer a inclusión.

«Fuxo da clase maxistral, do que chamo método dinosauro. Hai que baixar á terra, mollándose e traballando podes acabar co prexuízo de que o cole é aburrido ou algo malo», analizou Manuel Sobral, que imbúe o mesmo espírito a cada lección.

CARMELA QUEIJEIRO

Clase invertida

Sobral tamén aposta por unha estrutura da aula distinta, a través da clase invertida -en inglés, flipped classroom-, que consiste en que os alumnos «agrúpanse por parroquias, como me gusta dicir [ri], e eu vou para a parte de atrás». Ademais, a creación da responsabilidade e madureza nos pequenos é vital, polo que a aula incluso ten activo un dispositivo que pita cando superan uns determinados decibelios, sen necesidade de botar berros.

A literatura tamén foi clave, por iso dende comezo de curso, Sobral leulles un conto en galego todos os días, para que despois fosen eles os que acabaron elaborando as súas propias historias e as compartisen.