O museo de dona Sabela

La Voz

BARBANZA

matalobos

16 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lingua proletaria francisco ant. vidal

Hai 200 anos, cando «a súa graciosa maxestade» pasou de desexado a felón, máis preocupado por andar de tabernas ca de sentar no consello de ministros, abríronse as portas do Museo do Prado con pouco máis de 300 cadros expostos. Hoxe supéranse os 35.000 obxectos entre pinturas, esculturas ou gravados da súa colección e segue medrando. Pero quen se esforzou por inventariar aquelas primeiras obras e buscarlle un lugar adecuado para expoñer o que viña sendo o berce da criatura foi a raíña dona Sabela de Bragança, unha rapaza de 19 anos, amosando que por encima do seu pouco agraciado e moi criticado físico tiña unha cabeza perfectamente amoblada; e facendo caso omiso de charangas e cinzarradas, sacou as coleccións reais das alcobas privadas e dos poeirentos sotos para poñelas ó servizo da sociedade.

Confesarme seareiro do Museo do Prado non é nada raro. A quen lle amarga un doce?. Hoxe o museo está de aniversario, e hai actos a moreas para festexalo, pero a quen non debemos esquecer en toda esta conmemoración é a dona Sabela, quen ademais de posuír a cultura que lle faltaba ó seu esposo, tiña a suficiente humildade e paciencia para trazar con man firme o camiño de todo o que a ela lle competía. Sen embargo non foi unha muller con sorte. Casada por poderes e sen amor ós 19 anos co seu tío Fernando, viúvo e garuleiro, quen a troco de que ela cumprise co deber de toda consorte real, parir o máis axiña posible, lle ofreceu unha lúa de mel cargada de infidelidades, borracheiras e desafecto doméstico mentres os divertidos madrileños lle cantaban o de «fea, pobre e portuguesa, chúpate esa».

A mal casada recluíase entre libros, cadros e os conselleiros de máis consideración poñendo orde no fogar mentres o cabeza de familia visitaba a Pepa la Malagueña e outras polo estilo. Tivo a boa e culta raíña a desgraza de ver morrer á súa primeira filla con menos de cinco meses, e acto seguido xa se puxo mans á obra para cumprir co deber real de darlle descendencia ó trono, e entre náuseas e patadiñas ía sacando tempo para o seu proxecto dun Real Museo. Quixo a mala sorte que durante un complicado parto perdese o coñecemento e a deran por morta. Os médicos decidiron entón aplicarlle unha cesárea, tan ó bruto, que cando estaban en plena faena, arrincándolle das entrañas unha nena sen vida, Sabela botou un espantoso berro para confirmar que aínda non finara.

Morreu sen ver acabado o grande proxecto no que se afanou durante o seu curto reinado, pero celebramos que fixese o que ós patrióticos e campechanos monarcas españois nin lles ía nin lles viña.

Como queira que sexa, a idea xa fora exposta nos tempos de Carlos IV, pero ese desleixo da nosa realeza, esa pachorra tan característica deles, foi adiando a súa creación ata que a portuguesa fea e pobre puxo mans á obra aínda que ela non puidese chegar a ver a súa inauguración, un 19 de novembro de 1819. Non foi un acto popular, senón máis ben, como se describe nos libros de historia, algo discreto. A Fernando movíao máis inaugurar tabernas ca pinacotecas. Pero aí está agora o Museo do Prado vendo pasar o tempo, medrando e lembrando as raíces do que fomos.