Ruínas?

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

13 ago 2019 . Actualizado a las 21:45 h.

A calquera cidadán que preguntes o significado de «ruínas» dirache que é algo que non vale nada, ruinoso, ruín, inservible. Pola contra, millóns de turistas pagan cada día por ver ruínas en Grecia ou Italia, mesmo na Guarda ou en Baroña. Para un xuíz ou para un concello, o concepto de ruína cambia totalmente o paradigma do concepto de propiedade e de intervención arquitectónica. Namentres o filósofo, sociólogo e literato británico John Ruskin admiraba as pedras dunha ruína como se de xoias se tratara, e dicía que calquera engadido podería perturbar o oficio fúnebre do recordo do que fora noutrora, o arquitecto francés Viollet-Le-Duc pensaba que recuperar unha ruína era como darlle o grao de integridade que puido non ter nunca.

Hai algúns días, comentábame un amigo de Porto do Son que herdara unha ruína e que non lla deixaban botar abaixo, pero ao final, tralas miñas verbas sobre o que podía representar, quedou convencido de que non era mala idea recuperala e conservar o pouco que quedaba. Por pouco que quede dunha casa do pasado, queda o inmaterial, o recordo, que non é nostalxia, senón orgullo e alicerces. Por pouco que quede dun inmoble antigo, débese recuperar con respecto e admiración, igual que coidamos as persoas maiores, que representan o noso apoio histórico.

Non todos os arquitectos pensan como penso eu, porque para poder facelo hai que adestrar o coñecemento cara ao respecto polos valores nos que fomos medrando, sen os que non seriamos máis que persoas que transitan polo mundo sen principios firmes e sen fondas raíces.

Somos europeos.