Juan Manuel Saborido: «Non agardaba esa reacción do BNG»

O socialista confía en chegar a acordos coa oposición para sacar adiante proxectos vitais para o municipio


ribeira / la voz

Leva 30 anos vinculado ao PSOE e coñece ben a política municipal. Entre 1999 e 2007, Juan Manuel Saborido (Carnota, 1965) formou parte, con Manuel Noceda á fronte do temón socialista do goberno bipartito co BNG e, posteriormente, con Suso Campos como líder, estivo na oposición. Indica que é a primeira vez que o seu partido consegue ser a forza máis votada no municipio. Sen embargo, o feito de quedarse a un concelleiro da maioría absoluta fai que o partido dependa de acordos con outros grupos e parece que acadalos vai a resultar complicado.

-O inicio do mandato está a resultar máis difícil do que podería ter agardado?

-A verdade é que si. Creo que a oposición non aceptou os resultados, pero hai que asumilos. É a primeira vez que o PSOE saca máis votos que BNG ou PP. Non agardaba esa reacción do BNG. Hai oito anos, nós démoslle o goberno ao Bloque sen nada a cambio. Os feitos están aí, para ver como actuamos uns e outros. Os veciños votaron o que consideraron, e penso que todos debemos facer autocrítica.

-Non logrou sacar adiante a súa retribución e a da concelleira con dedicación parcial, polo que vai ter que regresar ao seu posto de traballo ou acadar un acordo.

-A intención era reincorporarme ao meu emprego o luns, pero presentamos unha nova proposta aos grupos que semella que podería recibir o visto bo. En principio, está previsto que a sometamos a votación no pleno ordinario que terá lugar o mércores.

-Cales son os cambios?

-Unha retribución para min de 35.000 euros brutos anuais, fronte aos 41.000 iniciais, e outra de 14.500 para Merche Noceda, en lugar dos 16.800 que se propuxeron ao principio.

-Como pensa sacar adiante o mandato, os proxectos que afectan aos cidadáns?

-Polas conversas que estou tendo co PP, non lle van dar para atrás a todo o que sexa importante para Carnota.

-Cales son as prioridades para o seu equipo.

-Dotar de recursos económicos ao servizo de atención a domicilio para atender a quen o precisa e habilitar unha partida para infraestruturas de primeira necesidade, como o saneamento, que aínda está sen facer en núcleos importantes. Ao mesmo tempo, imos recuperar o convenio coa empresa Stolt Sea Farm para que contribúa a sufragar unha brigada de obras estable no municipio. A firma está preocupada polo medio ambiente e quere cooperar no seu coidado.

-Ve posible o achegamento ao BNG para lograr cousas?

-Ofrecinlle ao BNG un goberno en coalición, pero eles non quixeron. Eu teño a man aberta con todos os grupos. Por agora, co que máis achegamento temos é co Partido Popular. Confío en que as cousas vaian mudando e poidamos chegar todos a puntos de entendemento.

Os cinco concelleiros do PSOE asumen a dirección das diferentes áreas municipais.

DELEGACIÓNS

Juan Manuel Saborido. Leva as concellerías de Servizos, Urbanismo e Recursos Humanos.

 Mercedes Noceda. Ocúpase de Servizos Sociais, Igualdade, Muller e Infancia. Ademais é primeira tenente de alcalde.

 Rafael Riveiro. Deportes e Cultura son as súas delegacións.

Sandra Fernández. Está ao fronte das concellerías Turismo Medio e Ambiente.

 José Manuel González. É o encargado de Mar, Cultivos Mariños e Marisqueo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Juan Manuel Saborido: «Non agardaba esa reacción do BNG»