Sergio Campos: «Temos o partido unido en torno a un proxecto»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O alcaldable do PSOE de Noia é optimista con respecto aos resultados das votacións do día 26

11 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto a casa da rúa Canliña na que naceu, a carón da ventá na que o seu avó, zapateiro, traballaba, Sergio Campos fala ilusionado da nova etapa que vén de iniciar como candidato do PSOE á alcaldía de Noia. Di ter boas sensacións e as ideas claras sobre o que necesita a súa vila.

-O PSOE perdeu bastante terreo nas últimas eleccións municipais, como afronta o reto da remontada?

-Esperanzado, con ánimo e con fortaleza. Non ten nada que ver a situación que tiñamos no PSOE no 2015 coa de agora, tanto interna como externamente. Sabemos que temos terreo que recuperar, pero imos coa confianza de poder recuperalo.

-Hai unha enorme renovación no proxecto, pode iso ser un hándicap?

-Non. O que pretendemos foi combinar renovación e experiencia e unir as distintas sensibilidades que temos dentro do PSOE de Noia, e fixémolo. Sobre todo, temos o partido unido en torno a un proxecto e unha idea, iso é o fundamental.

-É cedo para falar de posibles pactos postelectorais? Estarían dispostos?

-Non somos de poñer ningún veto, pero temos unha cousa clara: que ninguén espere que vaiamos reeditar o pacto co NOIA. É algo imposible, non é un tema de vetos, é unha cuestión de confianza e coherencia. Por responsabilidade política nós aspiramos a ser a forza máis votada, e non temos nada que falar co NOIA. Non podemos entendernos cunha forza que nos deu as costas aos oito meses de formar goberno.

-Pero en Noia non é fácil conseguir unha maioría absoluta.

-A ver se desta vez somos capaces de sacala, temos moi boas sensacións, a xente pola rúa achégase a nós, gústalles o proxecto, as novas formas de facer política, máis próximas, máis transparentes. Nos últimos tres meses reunímonos con asociacións de todo tipo e todas nos dixeron o mesmo, que eramos os únicos que foramos por alí. E iso dános moita forza.

-Cales son as liñas mestras da proposta socialista?

-A nosa prioridade é a axenda social, a atención ás persoas. Dentro diso é fundamental a mocidade. Este mandato ten que cargar as tintas en resolver as carencias estruturais que obrigan aos mozos a marchar.