Papabuxos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

09 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo uns días loitando cunha praga horrorosa: a Cydalima perspectalis, esa couza que devora en días os buxos. Seica chegou de Asia a Alemaña de maneira accidental no 2006. A súa aparición en Galicia documéntase no 2014. Está tan metida aquí que xa ten nome de noso: papabuxos. Eu xa sei que moitos de vostedes enfróntanse todos os anos a innumerables pragas: as que atacan ás patacas, ás froiteiras, ás plantas ornamentais. Pero teño que dicirlles que esta é a única que ata o momento me preocupa coma se atacase a un familiar.

Creo que poucas plantas coas que convivimos simbolizan tanto coma os buxos. Moitas veces están antes de nós, e a lei do mundo debería prescribir que continuaran despois de nós. As casas son o noso rastro perdurable, pero os buxos son o recordo de que os homes soñamos cunha civilización dos praceres, que é tan importante -ou é a mesma- que a civilización da ciencia e do progreso.

Un buxo é unha planta inútil, non especialmente fermosa, pero lémbranos a capacidade do ser humano de defender as cousas inútiles porque lles damos sentidos novos. A min os buxos fálanme das grandes e vellas casas do país, envoltas en buxos e mirtos, vedramios cofres de historias onde se agocha o noso vello espírito. Fálanme de Valle-Inclán, de Cunqueiro, de Camilo José Cela e a Pardo Bazán.

Cando vin o papabuxos inzando o noso seto de 200 anos, o corazón encolléuseme. Ninguén debera molestar a un ser manso e calmo coma este. Loitaremos canda el por que siga máis alá de nós mesmos.