Esta vez, unha vez máis, falo sobre un tema ao que realmente debemos poñerlle punto e final. Desde que se empezaron a contabilizar as mortes causadas pola violencia de xénero, case mil mulleres morreron en España asasinadas. Mil nais, irmás, fillas ou amigas. Mil historias que estaban a escribirse e proxectos de vida arrebatados. O ano pasado descendeu a porcentaxe, pero aínda hoxe o simple feito de nacer muller pode supor un factor de risco para a propia vida. Ningunha sociedade conseguiu eliminar ese outro terrorismo ou ese terrorismo, a secas, que poden chegar a sufrir un gran número de persoas no mundo.
Calquera clase de violencia é detestable e condenable. Pero a violencia no ámbito familiar, contra a muller ou en casos menos habituais nos homes e tamén contra os fillos, debería avergoñar a calquera sociedade que aspire a denominarse xusta. Porque cada caso, cada situación, é un fracaso para todos. Mais tamén unha razón para pensar en non rendernos, plantar cara con máis forza a este despropósito. A violencia contra a muller afástanos do obxectivo de igualdade e xustiza social impedindo así o desenvolvemento das liberdades. Non só iso: a violencia que se exerce en concreto no foco dunha vinculación afectiva presente ou pasada (o abuso exercido por persoas das que cabería esperar agarimo e respecto) é unha realidade especialmente grave.
Despois de todos estes anos, temos unha sociedade o suficientemente avanzada e formada como para poder poñer fin a este pesadume. Fronte a esa realidade, estamos obrigados a acabar cun drama que non é un fenómeno estraño. A violencia verbal ou física contra a muller prodúcese moi preto de nós. E non é, claro que non, froito de ningunha enfermidade. O maltratador utiliza a violencia, o illamento da vítima, incluso a violencia contra os fillos como forma de control sobre a súa parella ou ex parella. Por iso é tan difícil detectar esas situacións que só ocorren de portas cara adentro, como adoitamos dicir. Estamos a sentar as bases dunha sociedade na que as futuras xeracións sexan mellores cidadáns, mellores persoas. Seguen sendo necesarios días coma o 25N ou o 8M, nos que todos e todas xuntemos as nosas voces para denunciar e condenar a violencia que aínda hoxe se segue exercendo contra a muller. Para lograr, en definitiva, unha sociedade máis xusta, máis libre, máis igualitaria. Unha sociedade libre de violencia. Unha sociedade, entón si, libre. Alexandra Rama Trillo. Alumna do IES Plurilingüe Fontexería.