A gran premonición


Manuel Romero non lle debe nada á vida, excepto vivir. Un self-made man inxente que encarou a vida con insubornable autenticidade e ganas de chegar. Sempre máis. E sempre tenaz autocrítico na busca, coma Cézanne, da seminal inocencia da forma.

Creador admirable e admirado, pinta e talla obsesiva e necesariamente afastado dos focos de modas exiguas e estilos continuos. Por algo, sobre todo no mundo anglosaxón, goza do favor da crítica máis esixente e da admiración de artistas coevos e público.

Artista dialóxico

A súa pintura vai da figuración á abstracción lírica, cunha querenza particular polo uso da cor, harmónica ou contrastada, absorbente ou velada. Encarna coma ninguén o artista dialóxico (pintor-escultor) que converte o silencio e mais a soidade en Arte Maior, con resonancias poéticas e musicais que nos abstraen e incitan á contemplación recollida.

Pero hoxe traémolo aquí, ás Letras da Arte, como artífice dun memorándum social, que foi no seu día catástrofe ambiental en máis de dous mil quilómetros de litoral. E como Manuel Romero só se sente libre a soas coa pintura, cando precisa reprobar algo, faino co pincel en ristre. Por iso, en 2002, sente que ten que criticar o estado dos «mares negros, dos barcos de escaparate» e o uso e abuso curtopracista que se fai da pesca «por diñeiro». Así que, plasma en seis debuxos e oito pinturas estas sensacións de desabor. Todo isto nove meses antes do afundimento do Prestige fronte á Virxe da Barca, de seda e cristal. Casualidade? Premonición?, pregúntase el e mais nós.

Monocasco con 77.000 Tm de fuel óleo. Apostolos Mangouras. Impacto mediático. Crise ambiental, social, económica, política, organizativa. Burla negra! Marea Branca! Nunca Máis!... Pois esta pintura de factura surrealista retrotráenos, a modo do madalena de Proust, á lembranza, negra de sabor e impotencia viscosa. Un pano colgante divide o escenario en dous mundos: o idílico da eterna Torre de Hércules, e o real, da polución e a malura, cun mar asfaltado de fuel entrando nas casas, peixes de loito, flores e plantas encadeadas, e a posible riqueza convertida en fume, «mentres que a arte e a cultura están atadas con arames de espiños no chan».

Estarmos alerta

Unha alegoría que nos prevén e anima a estarmos alerta perante tanta catástrofe provocada pola ignorancia, o espolio e a distopía. Contaminación, cambio climático. Meudeus!, quo vadis, Humanidade?

Manuel Romero pode ser asceta e romántico, formalista e lírico, reflexivo e vehemente. A súa arte faise polivalente, aberta, expresión social pero dona das súas propias regras. Idea si, pero tamén novidade. E pouco importa que, como di Picasso, «sexa esa gran mentira que nos axuda a ver a verdade» e a vida. No noso autor cúmprese a máxima de Wolf Vostell: «Arte é vida, vida é arte».

Peregrino transterrado, tamén na súa creación, procura a excelencia como catarse e desquite dunha nenez embazada, a patria de seu, e converte un soño imposible en vital aventura: a de ser artista. Dos grandes. Esencial e inexplorado. Absolutamente.

Romero pintou este cadro-denuncia meses antes do Prestige

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A gran premonición