Folk lore

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

20 mar 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

Éhora de esclarecer o mal uso da palabra folclore, que ás veces dicimos en ton despectivo, chamando folclórico a aquilo que queremos desprezar. A orixe da palabra é a combinación de dous termos británicos: folk -que significa ‘xente’, ‘pobo’- e lore -‘tradición’, ‘ciencia’, ‘coñecemento’-.

O termo folclore foi acuñado no 1846 por William Thoms, para o que se chamaban «antigüidades populares». A definición máis amplamente aceptada polos investigadores actuais da especialidade é «a comunicación artística en grupos pequenos», proposta polo investigador. En 1960, a Unesco designou o 22 de agosto como Día Mundial do Folclore, en recoñecemento a Thoms.

Cando falamos de folclore falamos, pois, da ciencia do pobo, da tradición e do coñecemento, da acción humana, que é ben distinta en cada pobo polo feito diferencial derivado da orografía, da climatoloxía e da situación estratéxica no continente. É o corpo da expresión dunha cultura, composto por contos, música, baile, lendas, historia, proverbios, supersticións, costumes ou artesanía, ou mesmo a arquitectura tradicional e a transformación do territorio, que nace e medra de xeito distinto en Galicia que en Italia, Bali ou Andalucía.

Dise que o folclore é anónimo, porque non sabemos quen comezou a facelo; espontáneo, porque se transmite de xeito natural e sen regras; antigo, porque rexistra feitos do pasado; funcional, porque o saber popular mellora as condicións de vida; e empírico, porque fundaméntase e crenzas, a partir de experiencias, sen razón científica.

Xaquín Lorenzo ou Pedro de Llano falan del.