Matraca

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a piques de entrar na senda electoral e váisenos encher o aire de ruído. Iso, ata certo punto, é inevitable. Todo partido ten a necesidade de facerse ver e difundir as súas mensaxes para tentar competir no teatro electoral, e que nos enchan o mundo de carteis é parte do propio xogo da democracia. Así leva sendo desde a época dos gregos.

Obviamente todo iso xera molestias, ás veces tremendas. Ao meu avó, a quen lle gustaba pasar as tardiñas do verán sentado na terraza, unha vez durante unha campaña chantáronlle xusto no farol de enfronte, a metro e medio da súa cara, o cartel electoral do político que máis aborrecía. Un día descubrimos que unha parte do cartel, sospeitosamente a que quedaba á altura da varanda, fora rachada. Aquilo tiña toda a traza de arrebato desesperado que nunca nin el confesou, nin nós preguntamos.

Parálise

O que xa non é tan inevitable nin comprensible é a parálise de proxectos e de actividades das corporacións municipais cando aparecen as eleccións no horizonte. Este proceso de invernía paraliza programacións culturais, proxectos e decisións municipais de maneira case inevitable durante ás veces mesmo un ano. Todo fica á espera do novo período electoral. E isto non debera ser así, porque os nosos impostos non agardan tampouco ás eleccións. Se cadra habería que parar a pensar isto en serio, ser capaz de poñerlle números e palabras e tomar medidas para evitalo.

É o menos que nos merecemos despois da matraca que nos espera nos vindeiros meses. Tomen aire, que vai facer falta.