O semáfaro

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Non pense que leu mal. Non é un erro, é o nome que lle dan moitos galegos, talvez porque mellora a sonoridade galega, pero que tamén se lles escoita cando falan castelán. Aínda que non estea recoñecido pola Real Academia. Inventado por un británico e instalado en Londres en 1868, o semáforo fíxose popular nos Estados Unidos en 1913, trala socialización do automóbil promovida por Henry Ford.

Tardou outros 46 anos (Vigo, 1959) en instalarse o primeiro en Galicia, ao que sucederon outros na Coruña e Ourense (1967) e a cidades como Carballo chegaron no 1987. Xeralmente foron instalándose para substituír aos vellos gardas que dirixían o tráfico rodado nas encrucilladas máis concorridas. O de instalalos para o paso de persoas foi moi posterior, cando foi imposible cruzar as avenidas e rúas entre os coches. No final do século XX chegou a propagarse a cruzamentos elementais xerando perdas importantes de tempo a condutores e peóns por non se axustar ás súas necesidades de mobilidade.

A tendencia actual é a de suprimir case tódolos semáforos, na procura de outros modelos de mobilidade urbana, compartindo espazos entre peóns e vehículos, con máis respecto e seguindo a corrente europea chamada shared space (2004): Un «espazo compartido» baseado na cortesía entre usuarios. Cidades holandesas, británicas, danesas, chilenas ou portuguesas eliminaron xa os semáforos. En España xa o fixeron Olot, Maó ou Écija. Reduciron drasticamente os accidentes.

No futuro, os únicos semáforos que queden serán activados dende os móbiles dos peóns ou mediante detectores de presenza de automóbiles.