Toñito de Poi: «Busco na selva o que é ser humano»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Vén de publicar un novo libro-disco sobre as súas vivencias no Amazonas

07 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxara con anterioridade, primeiro como mariñeiro e despois como turista, ata o punto que asegura que con 21 anos xa dera a volta ao mundo. Pero Tonhito de Poi embarcouse no ano 2012 na travesía máis importante. Percorreu a selva amazónica, conviviu con tribos e contactou con chamáns que cambiaron a súa visión do mundo. Froito daquela aventura foi o disco-libro O soro da verdade. Pero o artista de Ribeira repetiu a viaxe noutras dúas ocasións e agora conta as súas últimas vivencias en Non hai onde esconderse.

Aínda que o elemento que se pode mercar é un libro, o de Poi afirma con rotundidade que se trata dun «disco puro, que empeza cando anoitece na selva e remata ao amencer». E nese traballo, integrado por 16 cortes, hai sons da selva, gravados alí directamente polo artista, letras inspiradas naquelas viaxes e mesmo «frases típicas da tía Leluca». Pon como exemplo: «Se ves que a vida se che fai dura é que ti es un brando». Para acceder a este contido musical hai que chegar á derradeira páxina do volume e facer unha descarga en Internet mediante un código: «Descartei o formato cedé porque non quero meter máis plástico no mundo. Penso ademais que se trata dun elemento que está a punto de extinguirse, así que non paga a pena».

Entre as moitas anécdotas que Tonhito de Poi narra no libro está a que propiciou o título deste novo traballo: «Foi estando nunha cerimonia na tribo dos ingas, nun territorio tremendamente afectado pola violencia, ata o punto de que non me atrevo a repetir o que alí escoitei, porque é terrible. Un que estaba ao meu lado caeu redondo no chan, púxose en posición fetal e empezou a escavar na terra, como para facer unha cova. Logo, comezou a pedirlle ao chamán que o matara, cada vez con máis insistencia, e este respondeulle: ‘No hay donde esconderse, no te das cuenta de que la muerte es una transformación más’».

Episodio cunha anaconda

Tamén dá conta dunha escena que aínda perdura na súa retina e que inspirou o tema Ollos do río: «Estaba navegando polo río Madre de Dios cando vin unha anaconda enroscada nunha rama. Achegueime e o contacto visual foi impresionante. Naquel momento estaloume na cabeza o título dunha canción, porque aqueles ollos da anaconda eran os ollos do río. Hai que ter en conta que alí, a integración coa natureza é total».

Xa foi en tres ocasións á selva amazónica e está pensando en repetir a experiencia: «Non podo ir tan a miúdo como quixera, xa que non é doado. Na primeira ocasión picoume tanta bichería que estiven realmente mal. Foron as dúas seguintes as que gocei de verdade». Confía en facer a mochila e atravesar o Atlántico o ano que vén. Repetirá, seguro, destino: «O que me gusta é ir á selva virxe, por onde hai que camiñar abríndose paso co machete. Alí só hai que levar unha mochila con hamaca, mosquiteiro, chisqueiro e machete. Non fai falla nada máis».

Tonhito de Poi asegura que estas viaxes responden á súa paixón por coñecer mundo que, segundo afirma, foi a que o levou a estudar para patrón de pesca: «Pero tiven que deixalo porque é unha profesión terrible, tanto polas condicións laborais como polo trato que se lle dá ás especies marítimas, sobre todo con determinadas artes de pesca». No Amazonas persegue, ademais de aventuras, repostas: «Busco na selva o que é ser humano, ao tempo que trato de medrar como músico».

A presentación do disco tivo lugar en Ponteareas, pero está desexando desembarcar con este novo traballo na súa casa: «Ribeira méteme moito respecto, pero si que lle teño gañas». Mentres divulga este Non hai onde esconderse e pensa xa na súa volta ao Amazonas, segue ensaiando e actuando cos Heredeiros da Crus: «Claro que seguimos e con forza. Penso incluso que estes traballos en solitario son unha boa forma de osixenar a banda, que ten un camiño moi concreto e definido». Avanza que a mítica formación podería estar pensando nun novo traballo discográfico: «Hai algo enriba da mesa, pero sería para despois do verán».