Agora que estamos a principios de ano, seguro que algúns ou algunhas de vostedes están pensando en poñerse a dieta e facer vida san. Permítanme felicitalos pola decisión. É moi posible que busquen un método máxico para acelerar a súa ilusión, tipo dieta Duncan, dieta da alcachofa e outras receitas máxicas. Falen mellor co seu médico de cabeceira, pero eu xa lles anticipo que seguro que el ou ela estarían de acordo comigo no método que lles vou propoñer: a dieta Galicia.
¿Que de que vai ese método? No canto de saír a queimar graxa polo paseo marítimo ou algunha pista infame ao carón da autovía, proben a internarse nos vellos camiños ou nas rutas de sendeirismo próximos. Moitos dos PRG (pequeno recorrido Galicia) son perfectamente asumibles en dúas horas e media ou tres de camiñada. É unha absoluta pena ver tantas rutas acondicionadas en Galicia sen ninguén para percorrelas. A sinuosa orografía galega fai, ademais, que sexan camiños estupendos para exercitar o corazón e queimar calorías.
Non agarden a que o concello convoque unha andaina multitudinaria ou a que os leve o erudito local: non teñan medo, que non vai saír ningún lobo. Monten un pequeno grupo e descubran vostedes -e descúbranlles ás súas amigas- as pequenas marabillas que nos rodean. Esíxanlles os seus concelleiros a limpeza dos camiños ou a creación de novas rutas polos territorios.
E conten, contade comigo para aconsellarvos (de balde) camiños fermosos e únicos do método Galicia. Escribídeme a magago@gmail.com. Éxito asegurado.