Unha rúa para Plácido

Antonio Muñiz BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

26 dic 2018 . Actualizado a las 11:55 h.

O Club de Pensionistas e Xubilados de Palmeira quere amosar o seu apoio á Comisión Organizadora do Homenaxe Popular a Plácido Betanzos para acadar o nome dunha rúa en Palmeira, así como unha escultura representativa. Esta directiva, que tomou posesión recentemente, pretende servir aos xubilados e xubiladas, así como a toda a sociedade en xeral, recollendo todas as necesidades que demanden ou que nós vexamos, e trasladalas ás administracións para procurar darlle unha solución.

Este club quere recoñecer os méritos dunha persoa de conviccións firmes, aberto, dialogante, e respectuoso con todas as persoas, con independencia do seu pensamento. De seguro que, como xubilado, tivésemos podido contar co apoio de Plácido, coa súa dispoñibilidade, co seu consello, e coa súa man amiga para acadar as melloras que precisamos para a nosa asociación. De carácter afable, namorado do porto que frecuentaba diariamente, era o seu lugar preferido para a conversa con amigos, participación en peñas, e sempre con aberto espírito de diálogo con todo o mundo, independentemente das condicións políticas e sociais.

O seu escrito anual no libro das festas de verán era unha contribución aberta, permanente co seu pobo, cos seus veciños, ademais de pregoeiro das celebracións. A asociación tamén quere resaltar as súas novelas sobre a emigración, que tanto afectou a Palmeira, así como a relativa violencia machista que tanto dano está facendo a nosa sociedade.

Agradecemos á Comisión Organizadora do Homenaxe Popular a Plácido Betanzos a remisión do escrito a esta asociación, e sumámonos á súa solicitude para que se lle de o nome dunha rúa e se lle coloque unha escultura en Palmeira, como agradecemento e premio aos seus recoñecidos méritos como político, escritor e profesor. Antonio Muñiz. Palmeira.

Puede colaborar en esta sección enviando sus textos a la sección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es