Ricardo de Barreiro: «No amor, o fermoso é non naufragar»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O sentimento é o eixe do novo poemario e audio-libro do veciño de Lousame

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Unha historia de amor entre dúas persoas anónimas coas que podería identificarse calquera. Ese é o fío condutor de A+A, o novo poemario de Ricardo de Barreiro. Trátase dunha obra singular, pois preséntase en formato de audio-libro, o que quere dicir que o volume se pode ler, pero tamén é posible escoitar o propio autor recitando os versos. E, para redondear a proposta, 120 ilustracións, asinadas tamén polo artista de Lousame. El, mellor que ninguén, sabe o que encerra este completo proxecto: «É unha viaxe pola marea máis suxestiva e bravía, que é a do amor».

Esta historia, na que Ricardo de Barreiro leva traballando oito meses, preséntase nun volume de 200 páxinas, que inclúe un código QR para acceder á gravación de voz: «Penso que o resultado é fascinante, pois a miña lectura está realizada de xeito peculiar, coa ambientación sonora de Guillerme Fernández». O autor destaca que, desde que empezou a darlle voltas á idea de escribir A+A, sempre tivo clara a temática: «Sabía que a través dunha historia de amor podía vomitar todo o que tiña dentro».

A obra leva dedicatoria: «Buscaba un regalo para a persoa coa que comparto o ben máis prezado, a vida». Pero insiste en que calquera pode identificarse con esa viaxe que hai detrás do volume: «A+A é a suma de dúas persoas anónimas que lle dan forma a unha historia de amor, pero a idea é que sexa un proxecto que se vaia estendendo en cadea, de forma que aquel que lea o libro llo recite a outro e así sucesivamente».

Ricardo de Barreiro, máis coñecido quizais pola súa traxectoria como actor, xa escribira con anterioridade outro poemario, tamén ao redor do amor, ou, máis ben, do desamor. Ao contrario que este segundo, que é unha autoedición, o anterior vira a luz da man da editorial Toxosoutos: aquel pretendía ser un manual de como superar os duelos do desamor. «Recoñezo que escribir sobre o desamor é máis doado, porque vomitar as cousas malas sempre resulta máis sinxelo para o ser humano». A temática amorosa non só inspirou ao barbancés para darlle forma a dous libros, senón que o empurra a reflexionar: «A marea do amor, cando estás na crista da onda, é moi bonita, pero logo hai que baixar. No amor, o fermoso é non naufragar e tamén non aguantar o que non se debe, sobre todo nestes tempos que corren. Hai que poñer límites».

Volta aos comezos

O autor atópase agora en pleno proceso de lanzamento do seu audio-poemario. Hai uns días estivo en Boiro e esta tarde desembarcará no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira. Son actos nos que explica o proceso creativo e tamén recita os seus versos. Ricardo de Barreiro asegura que, con este libro, regresa ás súas orixes: «Fanse 21 anos desde que empecei no mundo artístico e foi precisamente debuxando. Aínda que eu fixera teatro afeccionado e estaba mergullado no baile galego de alto nivel, pintando e escribindo creei Merda, o primeiro espectáculo profesional que fixen na miña vida». Foi a partir de aí como comezou tamén a súa carreira como actor.

Aínda que non abandonou os escenarios, recoñece que tomou unha especie de ano sabático para dedicarse ás facetas de ilustrador e escritor. Unha exposición en Santiago permitiulle reunir os fondos necesarios para lanzar este libro e xa prepara outra que quere amosar fóra de Galicia. Explica que na decisión de aparcar a interpretación influíu a perda do que fora o seu padriño nese mundo: «Notei moito a falla de Xosé Manuel Olveira, Pico; sentinme moi orfo e necesitaba unha vía de escape, el foi a persoa máis importante que tiven ao meu lado nesta profesión».

E, se o libro funciona, mesmo está disposto a prolongar a dous anos ese período sabático: «A de actor é unha porta que sempre teño aberta, pero estou apostando moito pola escrita, xa que me gusta crear ao meu ritmo, na miña soidade». Convencido de que a vida é cíclica, di que pechou o círculo volvendo ao comezo: «Estou no mesmo punto que hai 21 anos. Mesmo estou arranxando o estudio no que comecei a miña traxectoria como artista».