Euro por euro

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

14 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

comercio local desenvolve unha potente e agresiva campaña de defensa pola crise que sofre o sector por culpa dos centros comerciais e da venda por Internet. Somos nós, os cidadáns, os que temos que decidir apoialo ou non, pero seguro que o noso futuro vai nesa loita. Comprar nos centros comerciais ou por Internet pode significar modernidade, pero cada euro que deixamos vai parar a multinacionais, moitas das cales nin sequera pagan impostos no noso país, talvez con sede en paraísos fiscais.

Á parte da perda que supón para a nosa sociedade que todo o que gastemos vaia parar a outro lado, comporta en moitos casos un aumento do desemprego local, e incluso en casos estamos favorecendo a escravitude e a explotación humana, porque non hai marxe para pagar dignamente aos traballadores e repartidores.

O centro comercial promove un modelo inconsciente, creándonos necesidades que non temos. As vendas por Internet impulsan a unha compra preguiceira, pero tamén barata e instintiva. Ámbolos dous modelos aséntanse na mocidade, pero tamén no resto da cidadanía, descoidando o modelo tradicional, de relación persoal, de proximidade e calidade humana.

Cada euro que deixamos no comercio local é un euro recuperado e que reverte na veciñanza, promove o emprego no barrio ou na vila, e ademais paga os impostos necesarios para poder manter o estado de benestar, o urbanismo, a cultura e os servizos sociais. Tamén é certo que o comercio local ten que analizar os modos de sedución dos centros comerciais e aplicalos, talvez co apoio das administracións, que deben implicarse.